Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación recibiu ó Conselleiro de Traballo

O Presidente da Deputación recibiu ó Conselleiro de Traballo

O Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este mércores ó Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, na sede da institución provincial. Foi a primeira visita oficial despois da toma de posesión do pasado sábado. A xuntanza serviu como primeira toma de contacto para impulsar as políticas de emprego e desenvolvemento na provincia lucense. “Non podíamos deixar pasar esta oportunidade de recibir ó Conselleiro de Traballo. O emprego é unha prioridade do Goberno provincial e, seguindo fielmente o que se marcaba no discurso inicial, tamén é a de coordinarnos coa Xunta de Galicia”, afirmou o Presidente. Gómez Besteiro explicou que “imos impulsar as políticas de emprego, onde a xuventude ten un papel fundamental para que se vincule ó desenvolvemento de Lugo traballando”. O Conselleiro de Traballo destacou que, como subliñara o Presidente no discurso de investidura, “é necesario poñer en marcha plans especiais de emprego, proxectos de fomento de emprego… e na Consellería imos estar abertos a esas propostas que de seguro vai elaborar a Deputación Provincial”. O responsable autonómico de Traballo afirmou que “para o Goberno galego é fundamental a posta en marcha do plan de equilibrio territorial e ahí teñen un papel moi importante que xogar as deputacións e os concellos do interior”. Por iso, o Conselleiro de Traballo concluiu que “imos traballar conxuntamente sen ningún tipo de dúbida”