Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación supervisa obras en Sarria por valor de 6 millóns de euros

O organismo provincial acondicionará un treito do Camiño de Santiago no termo municipal de Sarria por valor de 350.000 euros, “unha obra emblemática moi demanda polos veciños”

O arranxo do firme de estradas, a construción e mantemento do parque de bombeiros, o asesoramento en recursos humanos e a xestión da roza das estradas, principais investimentos da Deputación neste municipio Gómez Besteiro visitou os terreos nos que o Concello de Láncara construrirá o novo cemiterio O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este xoves en Sarria distintas obras que está a acometer a institución provincial neste municipio por valor de 6 millóns de euros. Trátase de investimentos concretos como o acondicionamento do treito final do Camiño de Santiago en Vigo, no termo municipal de Sarria, por valor de 350.000 euros. Gómez Besteiro, que estivo acompañado polo rexedor municipal, Claudio Garrido, e por técnicos da Unión de Promoción e Desenvolvemento (UPD) da Deputación, explicou que se aplicará aglomerado en quente para garantir a durabilidade desta parte do Camiño, que ten unha lonxitude de 145 metros. A actuación inclué a construción de aparcadoiros en formigón e de beirarrúas con lousa tipo pizarra. Gómez Besteiro comprometérase a realizar esta obra hai uns meses nunha viaxe realizada a este municipio. O responsable provincial destacou que “o próximo Ano Santo fai do Camiño de Santiago non só unha oportunidade turística, senón económica para esta provincia. A Deputación non deixará escapar ningunha oportunidade que supoña crear riqueza para os veciños. Esta é unha entrada emblemática para esta capital de Comarca. Nun mes e medio estará rematado o proxecto e só quedaremos pendentes do informe de Patrimonio para a súa contratación”. Pola súa banda, o rexedor municipal subliñou que se trata dunha vella demanda dos veciños. “Desde que comezou a democracia esta obra era reclamada polos cidadáns deste Concello. Agradezo a colaboración do Presidente, xa que era unha débeda histórica”. En canto ós servizos, instalarase toda a rede de saneamento e de abastecemento, así como a de baixa tensión, alumeado público e telecomunicacións. Asimesmo, a Deputación tamén levará a cabo a recuperación e mellora do firme das estradas LU-636 que vai de Seteventos a Monseiro, desde o punto quilométrico 0,000 ó 5,015, e da CP 5707 da Guiada a Luseiro, desde o punto quilométrico 0,000 ó 1,750, e nas que a institución provincial inviste 767.829 euros. Parque de bombeiros En agosto de 2008 a Xunta de Galicia sacou a contratación as obras de construción do parque de Sarria por un valor de 776.780 euros. Nestes momentos, os traballos, que contan cun prazo de execución de 10 meses, xa están moi adiantados ata o punto de que é un dos novos parques de bombeiros da provincia que máis avanzou ata o de agora. O parque está nunha parcela do campo da feira de 2.600 metros cadrados, que foi cedida polo Concello á Consellería de Presidencia. O edificio ocupará unha superficie de 738 metros cadrados, con capacidade para 3 vehículos grandes: unha autoescaleira, unha bomba urbana pesada e outra lixeira. O persoal estará formado por 15 e 20 profesionais cualificados. O custe total ascenderá a 2 millóns de euros. Este parque está dentro do Consorcio provincial Contra Incendios e Salvamento de Lugo e os seus límites de actuación serán toda a provincia, aínda que terá unha zona preferente: Bóveda, O Corgo, O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos e Sarria. A área de preferencia ten uns 31.000 habitantes. O titular provincial explicou ós veciños que “cumprimos con Sarria e facémolo con feitos. Hai dúas semanas aprobamos a contratación de 3 millóns de euros para o mantemento dos parques, tal e como figura no Boletín Oficial da Provincial”. Outros investimentos Unha das liñas estratéxicas da Deputación é a cooperación cos Concellos. Coa creación voluntaria do Fondo Extraordinario da Deputación que completa o de José Luis Rodríguez Zapatero, a Deputación cede ós municipios de Sarria e Láncara 95.021 e 21.826 euros respectivamente. Dentro do Plan de mantemento da rede viaria provincial, Sarria atópase na zona 12 xunto cos Concellos de Páramo, Portomarín, Paradela e O Saviñao. O mantemento dos 327,688 quilómetros da rede viaria provincial destes Concellos ascende a 828.240 euros. En menos dun mes a Deputación asinou os primeiros convenios de roza do 2009 con 4 Concellos: Viveiro, Burela, Riotorto, e Chantada, e hoxe Sarria, municipio que acometerá a xestión de 65,220 quilómetros de estradas provinciais, o que supón un custe para a Deputación de 11.523 euros. Dentro do servizo de asistencia ós Concellos da provincia en materia de persoal Sarria é un dos municipios nos que o proceso de asesoramento está máis avanzado. Elaborouse un Plan de Ordenación de Recursos Humanos do Concello, que afecta a 60 postos de traballo, e un Plan de Consolidación de Emprego para os 26 traballadores da Residencia de Anciáns, co obxectivo de obter, neste último caso, o proceso de conversión de persoal con contrato indefinido en persoal laboral fixo. Na actualidade estase coa valoración e análise desta dúas actuacións, que supoñen un investimendo da Deputación de 120.000 euros. Gómez Besteiro tamén visitou varias obras que se acometeron neste municipio e que se inclúen dentro do Plan de Comunidades Veciñais da Deputación. A través deste Plan, Sarria recibiu 43.158 euros, cantidade que servirá para a execución de sete obras: arranxo do colexio público de Meixente, 3.269 euros, arranxo da escola pública de Fonteabuín, 9.000 euros, arranxo da escola pública de Pinza, 4.000 euros, reforma do reloxio da igrexa de Santa Mariña, 5.389 euros, arranxo da escola pública de San Andrés, 6.000 euros, arranxo da escola pública de Santa María de Vilar, 3.500 euros, e condicionamento e equipamento do centro socio cultural Albataira,12.000 euros. Visita a Láncara O Presidente da Deputación tamén se desprazou ata Láncara donde visitou os terreos para a construción do novo cemiterio, que se ubicará na zona de Castalvello. Gómez Besteiro explicou ós veciños que a institución provincial, a través de SUPLUSA, promove a área industrial deste Concello. A Sociedade Urbanística Provincial redactou unha Ordenación Detallada que se incluíu no Plan Xeral de Ordenación Municipal deste Concello, que está pendente de aprobación. Este polígono atópase nunha área colindante coa delimitación do núcleo de Pobra de San Xiao e conta cunha superficie de 150.000 m2. O presuposto actual para esta área é de 2.340.000 euros. Ademais, Láncara, que ten 3.083 habitantes recibiu dentro do Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes 15.470 euros para o asfaltado da explanada no Colexio de Oleiros e camiño do barrio da Igrexa en San Martiño de Oleiros, e para a construción dun bebedeiro en Asfarrapa.