Deputación de Lugo

O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, asistiu á apertura das xornadas con motivo do 40º Aniversario do IES As Mercedes

Antón Bao estivo na presentación da revista editada polo instituto co gallo do seu 40º Aniversario, que contou co apoio económico da Vicepresidencia Primeira da Deputación

O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, asistiu esta mañá á apertura das xornadas organizadas polo IES As Mercedes co gallo do seu 40º aniversario. Neste primeiro día de actividades, Antón Bao acudiu á presentación da revista editada polo propio IES con motivo do 40º aniversario, que foi sufragada pola Vicepresidencia Primeira da Deputación como mostra do apoio deste organismo á institución educativa. O vicepresidente primeiro Bao, ao que o mundo educativo lle toca moi de preto polos seus anos como docente, amosouse moi ledo por estar convidado a participar da apertura das xornadas e por poder colaborar desde a Vicepresidencia Primeira da Deputación, a institución que Antón Bao representa, co centro educativo As Mercedes, neste caso sufragando a edición da revista que se levou a cabo con motivo da conmemoración do 40º aniversario da posta en marcha do propio centro docente. Así mesmo, Antón Bao eloxiou coas súas palabras ao centro de ensino secundario As Mercedes, ao que se referiu dicindo que “é unha honra poder aportar desde a Deputación o noso grao de area ao proxecto educativo dun centro que vén de cumprir 40 anos de traballo a prol da formación dos mozos e mozas lucenses”. Lembrou que o IES, que supera os 500 alumnos e alumnas e os 80 profesores e profesoras, a raíz do seu traballo “logrou converterse nun centro educativo de referencia para a cidade de Lugo no eido da Formación Profesional, presentando unha gran demanda entre o estudantado que opta a este tipo de estudos técnicos”. Logo da apertura das xornadas, o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, foi acompañado polo director do centro, Juan Antonio López Fernández, a visitar as mostras de diferentes proxectos realizados polos alumnos, así como a exposición de vehículos organizada dentro dos actos do 40º aniversario do IES As Mercedes. O director tamén guiou a Antón Bao polas instalacións e dependencias do IES, onde o vicepresidente primeiro da Deputación puido comprobar como son as aulas onde se imparten os ciclos formativos de automoción, márketing ou frío industrial.