Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación asinou os decretos das novas áreas de goberno

O Presidente da Deputación asinou os decretos das novas áreas de goberno

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, desglosou a composición da nova Xunta de Goberno provincial, o nomeamento de Vicepresidentes, así como os delegados que terán as áreas. Todos estes decretos foron asinados esta mañá. Un total de oito persoas: o Presidente, os tres Vicepresidentes e cinco deputados, conformarán a Xunta de Goberno. Para o reparto das áreas de goberno, tívose moi en conta os perfís dos futuros responsables e os principais obxectivos da nova Deputación: cooperar cos concellos, apostar pola promoción económica e a innovación, e a coordinación con todas as administracións. O Presidente buscou un lugar simbólico para esta comparecencia: o Salón Absidal da sala de exposicións –na base do Pazo Provincial-, para establecer un parelismo co asunto a presentar: a base do novo goberno formado pola Xunta de Goberno e as delegacións de áreas. Esta mesma mañá asinou ós decretos sobre estes asuntos e, a principios da vindeira semana, terá lugar o pleno de organización. José Ramón Gómez Besteiro lembrou que a cooperación cos concellos, respectando a autonomía municipal; a aposta polo desenvolvemento e a cohesión; e a coordenación con todas as administracións, son as bases da nova política provincial. Nova organización Xosé Antón Bao, Lara Méndez e María Xosé Vega serán, respectivamente, os tres Vicepresidentes. Así quedaron asinados hoxe estes decretos. No tocante á Xunta de Goberno, estará formada por 9 persoas: o Presidente, os tres Vicepresidentes e os Deputados Antonio Gato, Melchor Roel, Manolo Martínez, Regina Polín e Miguel Ángel Sotuela. Con respecto ás delegacións das áreas de goberno, quedarían do seguinte xeito: 1.-A Vicepresidenta segunda, Lara Méndez, será responsable da Área de PROMOCIÓN ECONÓMICA E EMPREGO. “Xa no discurso de investidura avanzamos a nosa aposta clara polos proxectos de innovación, investigación, a creatividade… será un peso pesado nas políticas dos próximos catro anos. É unha persoa nova e preparada”, afirmou o Presidente. A responsable de área estará en coordinación cunha DELEGACIÓN DE AGRICULTURA E GANDEIRÍA, a cargo de José María Arias, Alcalde de Castroverde. Arias é gandeiro e “unha persoa perfectamente coñecedora deste sector e vai desempeñar un bo papel”, explicou o Presidente. 2.- A área de BENESTAR SOCIAL correrá a cargo da Vicepresidenta terceira, María Xosé Vega, tal e como fora difundido hai días. “A proxección da provincia será tamén importante na acción de goberno e así foi destacado no discurso de investidura”, dixo o Presidente. 3.-Área de COOPERACIÓN COS CONCELLOS a cargo de Antonio Gato, Alcalde de Monterroso. “É unha persoa experimentada, de feito é o deputado provincial de máis idade, para outra das nosas políticas prioritarias: estar ó servizo dos Concellos. Eles son os primeiros na nosa acción de goberno”, afirmou. Gato combinará esta función coa de voceiro do grupo provincial socialista. 4.- Área de RÉXIME INTERIOR E PERSOAL será tarefa de Melchor Roel, Alcalde de Viveiro. No discurso de investidura o Presidente xa destacara “que non somos dos que cremos que todo comeza coa nosa chegada, queremos aproveitar a experiencia dos traballadores desta Casa”. Será unha das tarefas de Melchor Roel, un veterano sindicalista e recoñecido polo seu talante. 5.- Con respecto á Área de INFRAESTRUTURAS, este departamento tiña ata o de agora 2 comisións: a de plans de obras e a da rede viaria provincial –a máis extensa de España-. No futuro estará coordinada polo Alcalde de Becerreá, Manolo Martínez, “unha persoa moi experimentada nesta Casa e persoa de confianza do Presidente”, subliñou Gómez Besteiro. Ó mesmo tempo, Juan José Díaz Valiño, Alcalde de Castro de Rei, encargarase da delegación da REDE VIARIA. O Presidente explicou que se ocupará dunha tarefa fundamental: “A coordenación coa Xunta de Galicia nun tema tan importante como a rede viaria”. 6.- Área de ECONOMÍA E FACENDA será cometido da Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, unha política traballadora e imaxinativa que terá un papel fundamental no novo goberno. 7.- Área de URBANISMO E MEDIO AMBIENTE. “Tendo en conta que estes conceptos están para nós unidos, complementaranse na mesma área. Dedicarémoslle unha especial atención nos próximos anos”. Pero, debido á súa amplitude, o titular será Miguel Ángel Sotuela Vega, Alcalde de Ribas de Sil, e haberá unha delegación de MEDIO AMBIENTE a cargo do Deputado pola Fonsagrada Ricardo Parada. 8.- CULTURA E DEPORTES será compentencia de Antón Veiga. Outras competencias O Presidente da Deputación explicou que Claudio Garrido, Alcalde de Sarria, terá unha “función específica dentro da Sociedade Urbanística Provincial, terá un papel importante no Consello de Administración”, adiantou.