Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo consegue aumentar o Orzamento Xeral para 2010 ata os 143 millóns de euros

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro destaca que “é un Orzamento estratéxico porque comeza a dar cumprimento ó primeiro Plan Estratéxico Provincial”

Cooperar máis ca nunca cos 67 Concellos, fortalecer o sector agrogandeiro e potenciar o turismo máis alá do Xacobeo, principais obxectivos do Presuposto Debido á paralización de Feijóo no proceso de transferencias hospitalarias, o organismo provincial vese na obriga de destinar 11,5 millóns neste Orzamento O capítulo de persoal só aumenta 0,93% debido ó IPC, pero mantéñense conxeladas as retribucións políticas tanto do equipo de goberno como da oposición No apartado de Deportes, Bao subliña que a cooperación con todos os Concellos consolidouse tanto na mellora das instalacións e equipamento coma na proporción ós municipios de actividades culturais e deportivas gratuítas O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, e a Deputada de Economía, Regina Polín, presentaron este luns o Orzamento Xeral da Deputación para o ano 2010 que ascende a 143.695.391 euros, o que supón un incremento de 1.557.093 euros con respecto a 2009, é dicir un 1,10%. Gómez Besteiro destacou este aumento do Orzamento, “que é estratéxico para a provincia de Lugo porque empeza a dar cumprimento ó primeiro Plan Estratéxico Provincial que acabamos de concluír hai unhas semanas”, xa que unha boa xestión dos fondos públicos obrigaba á Deputación a facelo rendible dende o minuto un. O Presuposto consolidado componse da propia Deputación con 118.708.300 euros, INLUDES con 14.007.383, e Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) con 24.346.693 euros. O máximo mandatario provincial, quen realizou a intervención dende o seu portátil, sinalou: “creo que soubemos xogar con todas as pezas que conforman a Deputación de Lugo, acentuando a actividade do organismo provincial onde realmente somos útiles á provincia. Baixo a premisa de que ós veciños dálles igual qué parte da Deputación lles solucione o problema: se o INLUDES, a Deputación, ou SUPLUSA, o que temos que darlles son solucións”. Neste senso, indicou que “aínda que o Orzamento da propia Deputación diminúa un 3,20%, compensámolo incrementando o de SUPLUSA nun 37% para atender ás demandas dos Alcaldes que necesitan equipamentos e dotacións sociais con retorno económico nos seus municipios, que creen postos de traballo, que fixen poboación”. Esforzo por manter o investimento Besteiro subliñou o esforzo realizado por manter o investimento “a pesar de que, debido á crise económica, a aportación dos tributos do Estado que nos ingresa á Deputación caeu en máis de 20 millóns de euros. Polo tanto, acudimos a operacións de endebedamento, pero manténdonos dentro dos límites legais, tal e como están a facer todas as administracións”. Deste xeito, os capítulos de investimentos do Orzamento Xeral, suman 43.491.370 euros, só un 3,88% menos que os mesmos capítulos do ano pasado. “Esta baixada xustifícase, por exemplo, a que en 2009 quedou concluída a dotación para o os parques de bombeiros, ou que no verán do 2010 remata o programa europeo Lug02, polo que a contía é menor este ano, ou que xa non son necesarias tantas expropiacións ata converternos na Deputación que máis expropia de Galicia”. A Deputación tamén coopera de xeito indirecto cos Concellos. O ano pasado iniciouse unha política de austeridade acorde á situación económica que permitiu reducir preto dun 3% os denominados “Gastos de bens correntes e servizos”. “Neste momento no que os Concellos teñen crises de gastos correntes, xa que non teñen para pagar facturas, precisan actividades porque de nada sirve construírlles equipamentos se despois están pechados”. Este capítulo elévase nun 1.800.000 euros. 3 obxectivos seguindo o Plan Estratéxico Regina Polín explicou os tres obxectivos do Orzamento segundo o Plan Estratéxico: 1.- Cooperar máis ca nunca cos 67 concellos porque están atravesando a peor crise económica nos 30 anos de gobernos locais democráticos, pero tamén porque necesitan equipamentos sociais e crear postos de traballo para afrontar a crise demográfica que leva décadas castigando a esta provincia. Regina Polín explicou que “no Orzamento contémplanse 4 millóns de euros, a derradeira anualidade das 3 que existían para dar carpetazo á débeda do canon hidroeléctrico en 16 Concellos; 1.250.000 euros para mantemento dos parques de bombeiros; debido á paralización de Feijóo no proceso de transferencias hospitalarias, a Deputación segue a ser a única de España con hospitais ó seu cargo, unha situación que nos obriga a destinar máis de 11,5 millóns de euros nesta anualidade”. A este respecto, o titular provincial subliñou que “nós agardamos ter rematado este asunto no vindeiro ano, pero en Galicia hai máis problemas que a fusión das caixas. Este tema non só se agota en dous ou tres discursos políticos, e nesta cuestión o goberno galego empeza a demostrar que non é de resolución rápida como se nos quería facer crer. Ademais, a Deputación estalle prestando un servizo ó SERGAS, cendéndolle as instalacións do San José, e polo que non percibimos nin un só euro”. Polín explicou outros exemplos desta colaboración cos Concellos: o programa INNOVATE, que leva unha, cunha anualidade superior ós 3 millóns de euros; Plan Urban, cunha anualidade de 500.000 euros e a Deputación apoiará ó Concello na conmeración do décimo aniversario da Muralla; a Axencia Provincial da Enerxía con 400.000 euros; finalizará Lug02 cunha derradeira anualidade de 1.528.790 euros; e acondicionaranse coa Confederación Hidrográfica as marxes do río Eo ó seu paso pola Pontenova cunha anualidade de preto de 1 millón de euros. 2.- Fortalecer o sector agrogandeiro. O Orzamento da Deputación contempla a contrución do Centro de Recria de gando na Granxa Gayoso-Castro. As obras comezarán en 2010 e o investimento é de máis de 10 millóns de euros. Gómez Besteiro ratificou o seu compromiso co pacto polo campo, de xeito que “se están a levar a cabo negociacións, pero o Centro vaise facer si ou si”. 3.- Potenciar o turismo. Neste senso, seguirase apostando polo turismo medioambiental co programa Km0. Deputación de Lugo, que xa estreou hai 4 meses a modalidade Km0 a Compostela, “converténdonos na 1ª administración galega cunha programación específica para o Xacobeo”. Regina Polín rematou a súa intervención cun capítulo diferente: o de persoal. Neste senso, destacou que “só aumenta un 0,93%, debido a actualización do IPC, pero mantéñense conxeladas as retribucións políticas, tanto do equipo de goberno como da oposición”. Cultura e Deportes O Vicepresidente 1º da Deputación, Antón Bao, destacou que “a cooperación con todos os Concellos consolidouse tanto na mellora das instalacións e o seu equipamento coma á hora de proporcionarlle ós municipios actividades culturais e deportivas gratuítas”. O Vicepresidente 1ª afirmou que ante a crise, “traballouse en todo momento para manter o investimento en proxectos deportivos e culturais para paliar as dificultades que van atopar os Concellos ao facer fronte ó seu gasto corrente”. Por estas razóns, afirmou que en 2010 manterase e chegarase a ampliar o “nivel investidor tanto no apoio ao asociacionismo cultural e deportivo, sobre todo de base, e tamén o apoio ós Concellos, xa que ó redor do mundo do deporte e a cultura xira unha importante faceta da vida das persoas e, polo tanto, da súa actividade económica”. No apartado de Cultura, que engloba todo o sector cultural e a Rede Museística, o total do orzamento ascende a 9.766.000 euros, dos que 1.838.000 euros están destinados ó apoio directo ao asociacionismo cultural. En proxectos culturais gratuítos para os municipios, destínanse 2.000.000 de euros e en investimentos en infraestruturas e equipamentos culturais nos Concellos 1.694.000. A Rede Museística Provincial terá un orzamento de 3.086.000 euros. No ámbito do Deporte, Antón Bao salientou que en 2009 a Área de Deportes fixo unha especial tarefa para mellorar as infraestruturas deportivas dependentes da Deputación, como son o Pazo dos Deportes e a Escola de Piragüismo, e anunciou que “segundo datos proporcionados pola revista “Deportistas”, a Deputación de Lugo aparece como a primeira institución provincial galega en gasto en materia deportiva por habitante en 2009. Se exceptuamos os Cabildos e as administracións forais, sería a 2ª Deputación de España en gasto deportivo por habitante”. No apartado económico, o orzamento destinado á promoción deportiva ascendería a 6.728.000 euros, dos cales 3.245.000 euros diríxense ó apoio directo a clubs e asociacións deportivas para a realización das súas actividades e eventos deportivos, e 2.650.000 euros para o investimento en infraestruturas e equipamentos deportivos nos Concellos lucenses.