Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo e os Concellos da provincia estarán conectados a través dunha intranet

Este proxecto tamén permitirá a comunicación en rede dos distintos departamentos da Deputación que agora están “no século XIX”

Todos os concellos da provincia e a Deputación de Lugo estarán conectados a través de intranet e extranet grazas a un proxecto promovido pola Área de Cooperación cos Concellos da institución provincial que será aprobado na vindeira Xunta de Goberno. “Esta iniciativa supón un avance extraordinario na comunicación das administracións locais e a propia Deputación. Ábrese ó exterior este Pazo Provincial que ata o de agora era inexpugnable e estaba pechado a cal e canto” sinalou o Deputado de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas. A conexión a través dunha rede interna homoxenizará o funcionamento de todos os concellos e permitirá unha maior fuidez nas comunicacións coa Deputación e entre eles. Gato Soengas avanzou que “ademais supoñerá un importante aforro económico, xa que estas comunicacións se realizarán de modo telemático, e redundará en beneficio do medio ambiente grazas ó aforro de papel, tóner, enerxía eléctrica ou teléfono”• Para a súa implantación estudarase en primeiro lugar a situación na que se atopa o sistema informático de cada un dos 67 concellos, e despois acometeráse a formación de persoal e a dotación dos medios necesarios. O Delegado da Área de Cooperación cos Concellos apuntou que este proxecto permitirá ós diversos departamentos da Deputación Provincial comunicarse a través da rede “xa que neste momento están como no século XIX”. A partir da implantación deste sistema “poderán coñecerse os distintos plans que acometa a Deputación, as relacións cos concellos, os presupostos ou as subvencións”. Para Gato Soengas “estamos poñendo outra pedra no edificio de cooperación cos concellos” Financiamento O investimento previsto para este proxecto é de 298.00 euros. Para o seu financiamento solicitarase unha subvención á Consellería de Innovación e Industria que cubriría o 75%; a diferenza ata completar o importe total da operación sería achegada pola Deputación. No caso de que a Xunta de Galicia non consigne ningunha cantidade, a institución provincial financiará o proxecto na súa totalidade con cargo ó próximo orzamento. O proxecto inclúe a instalacion da intrenet e extranet, a adquisición de 68 servidores e a formación do persoal Informe do Consello de Contas O Consello de Contas de Galicia, no seu último informe de Fiscalización do Servizo de Asistencia a Municipios das Deputacións Provinciais, denunciaba que a Deputación de Lugo carecía dun servizo encargado de prestar asistencia informática ós concellos. Este estudo destaca que a Deputación lucense formalizou en 1992 un convenio coa Xunta de Galicia para a adquisición de licenzas de uso dun programa de contabilidade para a formación na devandita aplicación. No obstante, o Consello de Contas constatou que despois da adquisición e formación non se realizou ningún tipo de apoio ós municipios en materia de mantemento e asesoramento.