Deputación de Lugo

Antón Bao entrega os diplomas dos cursos de monitor sociocultural e deportivo organizados pola FORGA

Imaxe deputación de lugo

O vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, entregoulles hoxe aos 30 alumnos e alumnas que participaron nos cursos de monitor sociocultural e deportivo, os diplomas que acreditan a súa asistencia e o pleno aproveitamento destes talleres de formación, nun acto no que tamén estiveron presentes a delegada territorial, Margarita Frá Pérez, e o xestor da Fundación para a Orientación Profesional, o Emprego e a Formación en Galiza (FORGA), Lois Nieto. Antón Bao salientou que “nun contexto de crise económica como o que estamos a vivir, no que hai problemas de emprego, a formación é fundamental para encarreirar o noso futuro”. Por iso, o vicepresidente lembrou a necesidade de que as administracións públicas potencien este tipo de actividades formativas. Un proxecto no que leva xa moito tempo traballando a Área de Cultura e Deporte, deseñando políticas ata o de agora inexistentes, para achegar este tipo de actividades a todos os concellos. Os cursos, de 300 horas de duración, desenvolvéronse entre os meses de novembro e xaneiro na sede da FORGA en Lugo, cunha grande aceptación por parte de todo o alumnado e das entidades culturais e deportivas existentes ao longo da nosa xeografía.