Deputación de Lugo

A Deputación pon á venda o Hotel Miño para facelo útil á provincia e despois de 25 anos de abandono

Imaxe deputación de lugo
Malia que o anterior equipo de goberno acordou a súa venda en abril de 2007, esta non chegou a formalizarse, polo que Gómez Besteiro ordeu resolver o contrato, dándolle así unha saída a estas instalacións, que ata o de agora están en desuso

O abandono do inmoble é notorio, xa que dende a súa compra en 1984 non cumpriu o fin ao que se destinaba, que era dotar á cidade dunha residencia da terceira idade A Xunta de Goberno deste luns aprobou o prego de cláusulas que rexerá a venda do Hotel Miño, propiedade da Deputación e que se ubica na avenida de Madrid. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “poñemos á venda este inmoble co obxectivo de darlle a mellor saída posible e poñer en valor estas instalacións públicas, que agora están en desuso”. Neste senso, Gato Soengas, destacou que “o abandono do Hotel é notorio dende hai moito tempo, xa que nos 25 anos transcorridos dende a súa compra pola Deputación non foi utilizado de xeito permanente para ningún fin público e tampouco se cumpriu o compromiso para o que se comprou: dotar á cidade e á provincia dunha residencia da terceira idade. Isto é exemplo do quebranto económico do anterior equipo de goberno que o único que fixo foi gastar recursos públicos dunha maneira ineficaz”. Tal e como se dixera en resposta a un pregunta formulada no Pleno de xullo, a reparación do edificio farase polo comprador de acordo coa finalidade á que se adique esta instalación. O inmoble, que ten 2.793 metros cadrados de superficie, adquiriuse en decembro de 1984, xa con 20 anos de antigüidade, a través dun convenio entre a Deputación e a Consellería de Traballo. A Corporación Provincial anterior acordou a súa venda en abril de 2007, adxudicándose á empresa Maexpa en agosto de 2007 por valor de 962.000 euros. Con todo, a operación non chegou a formalizarse por incumprimento do comprador, polo que Gómez Besteiro ordeou resolver o contrato. Gato Soengas subliñou que “agora a Deputación aproba o novo expedente co obxectivo de facer útiles ós lucenses e á provincia estas instalacións que, nestes momentos, non teñen ningunha función”. O prezo de saída redúcese en máis de 200.000 euros, ata os 753.000 euros, para estimular a súa compra. Outros acordos da Xunta de Goberno Aprobouse a contratación para a subministración dun equipo de medición topográfica por valor de 30.000 euros. O voceiro provincial socialista destacou que “é un equipo moderno, que permitirá ó departamento de Vías e Obras prestar un mellor servizo e máis efectivo. No mes de xaneiro xa será empregado polos enxeñeiros e topógrafos nas medicións das estradas nas que o organismo provincial levará a cabo obras de mellora”. Asimesmo, deuse o visto e prace a unha conta xustificativa do Plan de Comunidades Veciñais de 2006. Pertence ó Concello do Saviñao e consiste no abastecemento de auga ó lugar de Broza. O importe da obra é de 4.085 euros, dos que 3.000 son aportados pola institución provincial. A Deputación concede ó Concello de Friol a autorización para levar a cabo a reestruturación e mellora da circulación rodada na Praza de España, que é de titularidade provincial. A actuación consiste na retirada dun macizo de terra existente e as camelias que contén na actualidade para plantar no seu lugar un arbusto de pequena alzada, que permitirá unha mellor visibilidade, así como a instalación de mobiliario urbano.