Deputación de Lugo

Deputación de Lugo e USC colaboran nun estudo pioneiro para reducir accidentes de tráfico por fauna salvaxe

Imaxe deputación de lugo
O Presidente e o Vicerreitor do Campus Lucense asinaron o convenio que permitirá detectar os puntos negros e identificar as especies máis perigosas para aplicar solucións específicas

O equipo de goberno contratou un seguro para afrontar os gastos ocasionados polos sinistros, e que foi copiado por provincias de Navarra e Castela e León Evitar o acceso a determinadas zonas con sembrados específicos e a implantación dunha sinal que dá moi bos resultados en Noruega e Canadá, principais medidas da Deputación para a dimininución dos accidentes Lugo é a provincia galega con maior sinistralidade por accidentes deste tipo e unha das que encabeza esta lista de España O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicerreitor do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Herrero, asinaron este luns o convenio de colaboración para a elaboración dun estudo pioneiro en Galicia para a reducción de accidentes de tráfico por fauna salvaxe na rede viaria provincial luguesa. Gómez Besteiro destacou que “a Deputación de Lugo é responsable de 4.200 quilómetros, o que nos converte na institución provincial coa maior rede de estradas de toda España. Os viais transcorren por un territorio medioambientalmente moi fértil e con numerosa fauna salvaxe. Pero os animais non entenden de seguridade vial, polo que a combinación destes dous condicionantes ten como resultado un elevado número de sinistros de tráfico”. En menos de 3 anos, en concreto desde 2007 ata o mes de xuño deste ano, o organismo provincial lugués recibiu 43 reclamacións por responsabilidade patrimonial consecuencia do atropelo de animais nas súas estradas. Aínda que, afortunadamente, a maioría non provoca vítimas humanas, Lugo é a provincia galega con maior sinistralidade por accidentes de fauna salvaxe e unha das que encabeza esta lista en España. O titular provincial indicou que “en xaneiro disporemos do balance global do 2009, pero xa podemos afirmar que os sinistros provocados por animais na rede provincial van en aumento, polo que na Deputación non imos quedar de brazos cruzados. En 2007 contabilizamos 7 reclamacións, 24 en 2008 e só nos primeiros meses de 2009 xa sumabamos 11”. No acto tamén participaron os Vicepresidentes Primeiro e Segunda da Deputación, Antón Bao e Lara Méndez; o Deputado de Medio Ambiente, Ricardo Parada; o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe; os Alcaldes do Corgo, Páramo, Guntín, Begonte, Castro de Rei, Pol, Castroverde, Láncara e Lugo; e os representantes das Federacións Galega e Provincial de Caza, José María Gómez Cortón e Francisco López Penela. Seguro da Deputación Ademais das reclamacións, os accidentes tradúcense en danos materiais ocasinados nos vehículos, que están valorados en 103.000 euros. O titular provincial subliñou que “son gastos que afrontamos grazas a un seguro específico que antes non existía na Deputación e que foi contratado por este equipo de goberno, que nos permite aforrar, xa que nos exime de asumir os gastos derivados do sinistro”. É unha iniciativa pioneira, que despois foi posta en marcha por outros organismos, seguindo o exemplo da Deputación de Lugo. É o caso da Comunidade Autónoma de Navarra e das provincias de Castela e León: Soria, Burgos e Zamora. Neste senso, Gómez Besteiro indicou que “imos poñer todas as medidas de prevención que estén o noso alcance. Por vez primeira, sentámonos todas as partes implicadas para asinar hoxe este convenio para detectar con exactitude, grazas a un estudo pioneiro en Galicia, os puntos negros, identificar as especies máis perigosas, sexo, idades, causas concretas, épocas do ano ou usos do territorio relacionados con cada animal, e todo isto coa intención de aplicar solucións específicas en cada punto”. As solucións deberán ir da man coa actividade cinexética, que crea riqueza económica na provincia, xa que Lugo é a provincia galega con más licenzas de caza e, a nivel español, sitúase entre as primeiras. Precisamente, o coto da Fonsagrada está considerado como o máis importante de Galicia e o máis extenso de España, xa que conta con 43.323 hectáreas. Medidas para diminuír os accidentes O titular provincial explicou que se valarorán todos os accidentes acontecidos na rede viaria provincial, determinando as súas causas para logo adoptar medidas concretas. Gómez Besteiro destacou que un dos viais nos que se rexistra o maior número de accidentes é na CP 1611, que atravesa 10 Concellos: O Corgo, Castroverde, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Begonte, Friol, Guntín, O Páramo e Lugo, e que suma un total de 397 quilómetros. É precisamente neste punto no que se producen o 50% dos sinistros. Neste senso, o máximo mandatario provincial anunciou algunhas das medidas que se levarán a cabo para diminuír o número de accidentes por fauna salvaxe: instalaranse sinais de alerta e de perigo en treitos conflitivos; evitarase o acceso a determinadas zonas con sembrados específicos que alonxan ós animais das fincas que lindan cos viais; e implantarase un modelo de sinal novidoso, que está a dar moi bos resultados en países como Noruega ou Canadá. É lumínica e acústica e a enerxía captarase a través de placas solares.