Deputación de Lugo

Gómez Besteiro participará nos actos de apertura do Ano Santo

Imaxe deputación de lugo
O titular provincial quere estar presente no evento porque o Xacobeo é unha oportunidade económica para os Concellos polos que pasa o Camiño

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará mañá xoves no acto de apertura do Ano Santo Compostelano. Gómez Besteiro quere estar presente no evento, xa que para o organismo provincial “esta é unha oportunidade extraordinaria para crear emprego e mellorar a económica galega e a dos Concellos polos que pasa o Camiño”. Conscientes da importancia que o Xacobeo ten para toda a Comunidade, a Deputación leva traballando meses nesta iniciativa. En setembro inaugurou o programa Km0 a Compostela, co que se adiantou ó Ano Santo e se converteu na primeira administración que pon en marcha un programa organizado para promocionar as catro rutas Xacobeas que pasan por Lugo, co obxectivo de reactivar a economía local ó tempo que se ofrece ecoturismo, medio ambiente, gastronomía, cultura e tradición ós participantes da iniciativa. Desenvolvemento do acto O Ano Santo dará comezo oficialmente mañá a partir das 00:00 horas do día 1 de xaneiro de 2010. A organización está a ultimar todos os traballos na antesala da Porta Santa para montar un muro de mampostería que será derrubado polo arzobispo. Acto seguido, abriranse as dúas follas de bronce e aceiro que dende 2004 pechan o paso entre A Quintana e o interior da basílica. Os actos litúrxicos desenvolveranse a partir das 16:20 horas nas inmediacións do templo. As autoridades serán recibidas no Pórtico e en Praterías. Logo realizarán o desfile ata a entrada da Quintana, onde o monseñor Julián Barrio golpeará tres veces o muro e abrirá el mesmo a Porta Santa.