Deputación de Lugo

Besteiro e Feijóo acordan o prazo dun mes para desbloquear as transferencias hospitalarias

Imaxe deputación de lugo
O Preidente da Deputación reitera a postura unánime do organismo provincial respecto ós pacientes, ó persoal e ós inmobles

Gómez Besteiro solicita a Feijóo a implicación da Xunta no Centro de Recría da Granxa Gayoso-Castro, “xa que probablemente estamos diante unha oportunidade histórica para que o campo de Lugo se reflote” A reunión, que se produciu nun ambiente cordial, celebrouse medio ano despois da solicitude realizada polo Presidente provincial logo do cambio de goberno autonómico O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, reunise este martes, tal e como estaba previsto, co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para abordar o proceso de transferencia dos hospitais provinciais de San Rafael e de San José ó Servizo Galego de Saúde (SERGAS), ademais doutros asuntos de máxima prioridade para a provincia para os que Gómez Besteiro solicitou a implicación da administración autonómica. O encontro, no que titular da Deputación e o da Xunta acordaron o prazo dun mes para desbloquear as transferencias hospitalarias, produciuse nun ambiente cordial e celebrouse medio ano despois da solicitude realizada polo Presidente provincial logo do cambio de goberno da Xunta. Gómez Besteiro fixou a posición da Deputación nos tres aspectos que inclúe o traspaso dos hospitais. Neste senso, ante o anuncio da Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, de desvincularse dos inmobles, o titular provincial subliñou que “nós non podemos facer nada se a Xunta non quere seguir coa vocación sanitaria dos dous centros. Unha vez que estes estén libres da actividade sanitaria, a Deputación decidirá sobre o que quere facer con eles”. Polo que se refire ós traballadores, o titular provincial reiterou que a postura do organismo provincial é a mesma que a que se acordou na Ponencia Técnica celebrada no mes de abril. “A transferencia ten que incluír a totalidade do persoal porque non podemos entrar na discusión se son ou non traballadores sanistarios. Queremos a mesma correspondencia que se fixo con outras Deputacións, nin máis nin menos”. Sobre os pacientes, Gómez Besteiro subliñou que “todos os pacientes están afiliados á Seguridade Social, por tanto son públicos. E así debe seguir sendo. Quen obstente á responsabilidade do servizo sanitario público non pode pretender que haxa pacientes de primeira e de segunda”. En canto ó aspecto económico. A débeda que se xenera desde o 1 de xaneiro de 2005 e ata o día de hoxe cífrase en 20.301.706 euros. “É unha débeda que a Deputación liquida todos os meses e corresponde ás contas derivadas da estancia dos pacientes no San Rafael. É unha cantidade non discutida ata o de agora e os nosos analistas din que seguirá o camiño da débeda anterior, que é anterior a 2004 e que se gañou no xulgado. Pero este é un tema menor, porque son cantidades que se poden recuperar ben por acordo ou ben pola vía xudicial”. Neste sendo, indicou que “a Deputación segue nesa actitude de responsabilidade. Temos un convenio máis que caducado co San José e seguímolo mantendo. Nós tamén temos que facer as nosas contas. Para nós o ano 2010 será un ano difícil e, por tanto, temos que ter na cabeza antes de pechar os Presupostos como quedan as transferencias hospitalarias”. Implicación da Xunta noutros temas de interese O Presidente da Deputación fíxolle chegar ó Presidente da Xunta un amplo dossier informativo coas principais necesidades que ten Lugo, necesidades que non teñen outras provincias e que co cambio de goberno se viron ralentizadas. Neste senso, solicitou a implicación da administración autonómica no Centro de Recría que a Deputación construirá o vindeiro ano na Granxa Gayoso-Castro. “É importante que a Xunta se implique no proxecto, sobre todo se temos en conta o momento complicado que atravesa o sector. Son desas pequenas grandes obras que contribúen a fortalecer o agro. Probablemente estemos diante unha oportunidade histórica para que o campo de Lugo se reflote”. O titular da Deputación tamén lle expuxo a necesidade de chegar a unha solución para o Centro Cinexético e Piscícola de Galicia, ademais de brindarlle a colaboración do Plan Estratéxico da provincia que estará rematado proximamente. Asimesmo, na xuntaza os dous dirixentes tamén trataron outros asuntos importantes para a provincia como a titularidade das estradas, a xestión da Reserva río Eo-Oscos-Terras de Burón, a Reserva da Mariña de Celeiro e a rede wimax. Como lembranza da visita, Gómez Besteiro fíxolle entrega a Núñez Feijóo dunha cesta de produtos autóctonos “Lugo Sabe”. Con esta iniciativa, o organismo provincial quere dar a coñecer produtos de calidade como a tarta de Mondoñedo, castañas e marmelada do Courel ou a augardente de Portomarín.