Deputación de Lugo

A Deputación inviste preto de 800.000 euros nas piscinas de Castroverde, aforrando este custe ó Concello

Imaxe deputación de lugo
- O organismo provincial cumpre o compromiso asumido con este municipio, que supón o remate definitivo destas infraestruturas que permaneceron abandonadas dende 1994
- Ata que chegou o actual equipo de goberno, ningunha administración se interesou por resolver o problema que deixou ós máis de 3.000 veciños sen piscina municipal
- O Presidente, o Vicepresidente Primeiro e o Alcalde inauguraron as instalacións que quedarán abertas ó público dende o 12 de xullo, e que darán servizo a toda a Comarca

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, e o Alcalde de Castroverde, José María Arias, inauguraron este mércores as piscinas municipais deste Concello que son financiadas na súa totalidade polo organismo provincial, a través da Área de Deportes, con 772.418 euros, e que se ubican na Área Recreativa “Veiga do Olmo”. Con esta actuación, a Deputación aforra este custe ó Concello, é dicir, máis de 120 millóns das antigas pesetas, e satisface unha vella demanda dos veciños, xa que supón o remate definitivo dunhas instalacións que permaneceron abandonadas dende o ano 1994, debido a que as obras foran paralizadas polos importantes defectos que presentaba a construción. Gómez Besteiro destacou que “grazas á xestión realizada polo Vicepresidente Primeiro e o Alcade isto é unha realidade. Aquí invístense uns 800.000 euros, o que non é unha cuestión menor en época de crise e, sobre todo, porque soubemos entender que se trata dunha débeda histórica”. Neste senso, o máximo mandatario provincial subliñou que “estamos nun momento difícil, pero cando pase todo iso verase quen estivo aí e quen non. A nós non nos gusta fixarnos no pasado, pero os veciños de Castroverde saben quen arrimou o ombro e quen tivo que chegar para sacar o proxecto adiante”. Antón Bao destacou que “por fin vemos plasmado unha obra que era unha débeda histórica. Isto é como quen leva un ferrari ou un coche de menor cilindrada. É dicir, fomos quen de acelerar en dous anos unha actuación que levaba de retraso quince, pero sobre todo é un éxito para os veciños”. Pola súa banda, o Alcalde de Castroverde, José María Arias, amosou a súa satisfacción porque “este é un momento histórico, xa que é unha obra que levou moitos anos facela, polo que a cortesía chegou co cambio de goberno na Deputación. Grazas a isto hoxe as piscinas son unha realidade e poderemos desfrutar delas moitos anos”. Cumprimento dunha débeda histórica As piscinas de Castroverde quedarán abertas ó público dende o 12 de xullo e darán servizo a toda a Comarca. Foron construídas no ano 1994 e nunca foron utilizadas. A falta dun proxecto serio ou unha execución pouco axeitada das obras fixo que, antes de ser inauguradas, aparecesen nelas fendas que imposibilitaron o seu uso. Ata que chegou o actual equipo de goberno ningunha administración se interesou por resolver o problema que deixou ós máis de 3.000 veciños sen piscina municipal. A parcela na que se ubican estas instalacións ten unha superficie de 4.500 metros cadrados, dos que de 1.310 están ocupados polos vestiarios e polas propias piscinas. O resto está destinado a zona verde. Dispoñen de dous vasos, un de 25 metros de longo por 12 de ancho e cunha altura máxima de 1,70 metros, e outro de 12 metros de longo por 10 de alto. As instalacións inclúen, ademais, unha edificación para depuración en pranta sótano e un almacén. Este, xunto co polígono industrial, foi un dos compromisos asumidos polo Presidente da Deputación, nunha visita realizada con anterioridade a este muncipio. De feito, no caso da área industrial, na que se iniciaron os traballos a principios deste mes, a empresa continúa cos traballos de movemento de terras e de desbroce. A Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) constrúe esta infraestrutura na que inviste 2,7 millóns de euros. Deste xeito, a Deputación aforra este custe ó Concello e contribúe a manter os postos de traballo existentes, xa que 20 pequenas e medianas empresas relacionadas coa construción e co sector do automóbil teñen reservada a súa parcela na actualidade.