Deputación de Lugo

Preto de 100 persoas redescubrirán a provincia nunha viaxe en helicóptero, dentro de Km0 Xtreme

Imaxe deputación de lugo
Máis de 300 veciños de distintas zonas da provincia participarán esta semana nas oito rutas organizadas do programa medioambiental Km0

A ruta “O Faro”, que transcorre pola localidade de San Cibrao, estréase por primeira vez na iniciativa que promove a Deputación Preto de 100 persoas redescubrirán esta semana a provincia a través dunha viaxe en helicóptero, dentro da modalidade Xtreme de Km0. Dende que o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou en setembro esta iniciativa, pioneira en España, outras 120 persoas máis participaron no programa. O Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño, recibiu este martes no Pazo de San Marcos, a dous grupos, un do Centro Cultural Ignacio Rey Stolle de Castro de Rei e a outro de 48 solicitantes individuais, dentro dentro do programa de visitas institucionais Km0 que promove a institución provincial. En total, esta semana participarán 302 persoas que elexiron a Mariña e a Ribeira Sacra como destinos das súas rutas. Destas, 96 optarán pola modalidade Xtreme do programa medioambiental. Precisamente, hoxe, 24 persoas coñeceron a Mariña a tráves dunha viaxe en helicóptero, que partiu do aeródromo de Villaframil (Ribadeo) e sobrevoou a ría durante 15 minutos. Asimesmo, integrantes do colectivo de Castro de Rei, desprazáronse ata o Concello de Viveiro, onde visitaron a lonxa de Celeiro, subiron ó Monte de San Roque e percorreron a praia de Covas. Polo que respecta ós outros 24 solicitantes individuais, o Concello de Ribadeo foi o destino elexido. Fixeron unha travesía fluvial pola ría de Ribadeo e visitaron o convento de Santa Clara, ademais do Centro de Cultivos Mariños e a oleiría de Bonxe. O mércores realizarase a ruta “Lugo Centro”. Neste caso, o helicóptero despegará do aeródromo de Rozas e sobrevoará o casco histórico da capital luguesa. Nesta ocasión, participarán 48 persoas. Este mesmo día un grupo da Asociación Aulas da Terceira Idade de Lugo farán, por primeira vez, a ruta “O Faro”, que inclúe unha visita ó Castelo Mariño de San Cibrao, e ó Museo do Mar. O xoves Km0 trasladarase á Ribeira Sacra. O helicóptero partirá de Tor, onde os 24 participantes desfrutarán das marabillosas vistas da zona sur da provincia. O xoves tamén, 24 solicitantes individuais farán un percorrido en catamarán por Amandi. Asimesmo, 48 alumnos do CEIP Antas de Ulla elixirán neste día a Mariña, onde farán unha travesía fluvial pola ría de Ribadeo. Tamén visitarán o Centro de Cultivos Mariños e o Mosteiro de Santa Clara.