Deputación de Lugo

A Deputación instala dosificadores cunha solución hidroalcólica en todos os edificios provinciais para previr a gripe A

Imaxe deputación de lugo
A Deputación extrapola esta medida ós Concellos, nos que a colocación dos dispensadores comeza maña e rematarase a vindeira semana

Todas as persoas que accedan ós edificios provinciais deberán aplicar nas mans este xel e os traballadores do organismo provincial recibirán nos vindeiros días o protocolo de actuación con consellos para evitar o contaxio da enfermidade Con este Plan, a Deputación complementa as medidas adoptadas polas autoridades sanitarias A Deputación e o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), así como todos os edificios dependentes do organismo provincial –Centro de Artesanía e Deseño, Museo Provincial, Pazo dos Deportes, Produtora da Fundación TIC e Escola de Imaxe e Son de Lugo- contan desde hoxe con dosificadores de solución hidroalcólica para previr a gripe A. Esta medida inclúese dentro do Plan de prevención da enfermidade posto en marcha pola Deputación e que complementa as medidas adoptadas polas autoridades sanitarias co obxectivo de evitar o contaxio tanto entre os traballadores da institución como dos visitantes. Deste xeito, todas as persoas que accedan ás dependencias provinciais deberán aplicar o xel como medida preventiva. Precisamente, os dosificadores xa están a ser empregados por particulares que acuden ó Pazo de San Marcos para realizar algún trámite ou polos participantes de Km0. Ademais, os empregados da institución provincial recibirán nos vindeiros días un protocolo de actuación con información e consellos para evitar o contaxio da gripe. O organismo que preside José Ramón Gómez Besteiro tamén leva este Plan ós municipios da provincia, de tal xeito que a instalación nos municipios comezará mañá e rematarase a vindeira semana. Dentro da política de cooperación cos municipios, a Deputación aforrará ás Entidades Locais, que teñen menos recursos, o custe que lle supoñería afrontar con fondos propios a posta en marcha destas medidas preventivas. Lavado de mans Para evitar os contaxios, a principal medida contemplada no Plan da Deputación é o lavado de mans de todas as persoas que accedan ás dependencias provinciais, tanto traballadores como visitantes. Para elo, colóncanse nas entradas dos edificios dosificadores cunha solución hidroalcólica que non necesita aclarado. Esta actuación tamén prevé que haxa dispensadores de xabón e de papel para secarse as mans en todos os aseos. Ademais, haberá un termómetro nos botiquíns dos diferentes servizos da Deputación para que os traballadores que desconfíen que teñen febre poidan controlar a temperatura e limparanse con máis frecuencia as superficies onde os virus poden permanecer horas ou días, como tiradores, pasamáns, mobles, etc. Información para evitar contaxios Todos os empregados da institución provincial recibirán nos vindeiros días un protocolo de actuación con información para evitar contaxiarse ou contaxiar. A principal recomendación é lavar as mas con frecuencia, xa que as pingas que se emiten ó tusir, esbirrar ou falar poden quedar nas mans, onde os virus sobreviven uns 5 minutos. Tamén deberán tapar a boca e o nariz ó tusir ou esbirrar e evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca. O documento que se entregará ós traballadores dará resposta ás preguntas máis frecuentes sobre o gripe A, tales como cales son os síntomas, en que periodo se pode contaxiar o virus, se a enfermidade pode ser grave nalgún caso, cales son os grupos de risco ou se é recomendable o uso de máscaras.