Deputación de Lugo

A Deputación mellora o acceso ás piscinas de Cospeito cunha rotonda elíptica

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial inviste máis de 800.000 euros na construción de dúas rotondas e no acondicinamento de dous treitos da CP de Feira do Monte a Castro Riberas de Lea, ó seu paso polo municipio da Terra Chá

O Deputado da Rede Viaria Provincial supervisou as obras da glorieta coa que se eliminará outro punto negro desta estrada e se reducirá o nivel de sinistralidade O Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño, acompañado de técnicos provinciais e do Alcalde de Cospeito, supervisou este martes as obras de construción da glorieta elíptica que a Deputación está a levar a cabo na CP 1706 de Feira do Monte a Castro Riberas de Lea, no termo municipal de Cospeito, e que favorece a intersección da estrada provincial coas piscinas deste Concello. Díaz Valiño destacou que “agora todos os vecinos poden circular con máis seguridade por esta zona, xa que a construción desta rotonda, xunto coa outra que xa fixemos tamén nesta estrada, permitirá eliminar dous puntos negros e, por tanto, reducir o nivel de sinistralidade”. A obra forma parte do Plan de Obras e Servizos de 2008, xunto co proxecto de acondicionamento de dous treitos desta estrada que une a capitalidade de Cospeito con Castro Riberas de Lea. Concretamente, o organismo provincial mellorou os treitos comprendidos entre os puntos quilométricos 8,650 ó 11,850, e o 0,000 ó 2,700. Na construción das rotondas e na mellora da estrada a Deputación investiu 821.907 euros. Os traballos de acondicionamento do vial tamén incluíron a colocación de xeotéxtil para impedir a contaminación das capas de base e afirmado, reforzo da base da estrada con zahorra artificial e aglomerado en quente, así como sinalización vertical e horizontal. Díaz Valiño subliñou que “son preto de 300 millóns das antigas pesetas que a Deputación está a investir nesta vía na que se aplicou aglomerado en quente que é o que lle dá durabilidade”. Asimesmo, o responsable da Rede Viaria Provincial sinalou que a Deputación xa rematou as obras de mellora e saneo no treito que vai desde o punto quilométrico 8,650 ó 11,850 pertencente á CP 1706.