Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación portou en Barcelona a figura do San Froilán elaborada polo Centro de Artesanía e Deseño

Imaxe deputación de lugo
55.000 persoas gozaron das festas do San Froilán en Barcelona durante esta fin de semana, segundo datos da Garda Urbana

Rematan hoxe na Cidade Condal os festexos iniciados polos empresarios lucenses hai 15 anos e que están considerados os máis importantes despois da Merced O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, levou na procesión que tivo lugar esta mañá polas rúas de Nou Barris a figura do San Froilán elaborada polo Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), dependente da Deputación de Lugo. A comunidade galega residente na Cidade Condal fixera hai un ano unha petición a Gómez Besteiro para que o CENTRAD deseñase esta talla do Santo ó que están adicadas estas festas patronais. Miles de persoas visitaron durante o día de onte o stand turístico da Deputación de Lugo onde estivo exposto ó público o Santo, que foi moi fotografiado e bicado. Cada ano, as festas xa coñecidas como “o San Froilán catalán” están a suscitar o interese de máis xente. Segundo datos da Gada urbana, máis de 55.000 persoas pasaron pola praza maior de Nou Barris nesta fin de semana. Este barrio é ademais o lugar de residencia por excelencia dos galegos afincados en Barcelona, xa que suman preto de 150.000, aínda que en toda a cidade xa se contabilizan máis de 300.000 censados. O “San Froilán catalán” está a ser todo un acontecemento. Están consideradas as segundas festas máis importantes de Barcelona, despois da Merced, por iso todos os anos acuden personalidades da vida política, cultural e social catalana. Son ademais unhas festas privilexiadas na cidade, xa que teñen permiso das autoridades para que se poidan celebrar no propio barrio, modificando notablemente o ritmo diario, e contan co apoio económico do concello de Barcelona. Iso amosa, segundo Gómez besteiro, “a importancia e o apoio que o goberno barcelonés lle dá á comunidade galega e, sobre todo, á lucense”. Os festexos teñen lugar desde hai 15 anos cando un grupo de empresarios lucenses quixeron traer o espíritu lucense ata Barcelona. Desde entón, esta festa recupera o tradicional estilo popular con música galega, casetas de polbo, sesión vermú ou a procesión do domingo.