Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aprobará mañá a adxudicación provisional do proxecto da Escola de Enxeñería Civil

Imaxe deputación de lugo
A redacción do proxecto realizarase nun prazo de tres meses e supoñerá un investimento de 103.000 euros

O edificio custará 4 millóns de euros, que serán financiados ó 50% pola institución provincial e a USC, e construirase no Campus Universitario Gómez Besteiro destacou que “aprobaremos a redacción do proxecto polo trámite de urxencia porque tanto para a Deputación como para a USC este edificio é prioritario” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves o anteproxecto do edificio que albergará a Escola de Enxeñería Civil, logo de que a Mesa de Contratación da institución provincial propuxese para a súa adxudicación provisional a proposta que obtivo unha maior puntuación, das 27 que se presentaron para a redacción do proxecto. Trátase da oferta presentada pola empresa PO2 Arquitectos, da que forma parte o arquitecto lugués Marcos Parga e a catalana Idoia Otegui Vicens. Na opinión do comité de expertos que fixo a evaluación –formado por dous arquitectos e un representante da USC-, “é a máis axeitada, porque ten unha alta cualidade arquitectónica e aporta unha tipoloxía singular en torno a un patio interior que recrea e actualiza os primitivos claustros. O máximo responsable provincial, que estivo acompañado polo Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, e o Vicerreitor do campus de Lugo, Carlos Herrero, anunciou que “a adxudicación provisional será aprobada na Xunta de Goberno de mañá polo trámite de urxencia xa que, tanto para nós como para a Universidade de Santiago este é un proxecto prioritario, e imos axilizar todos os trámites ó máximo para que o edificio sexa unha realidade canto antes”. Polo que se refire ós criterios obxectivos, a oferta económica de P02 Arquitectos, de 103.000 euros, é unha das dúas máis baixas presentadas; a máis elevada era de 170.883 euros, En canto ós prazos, o proxecto redactarase en tres meses; as ofertas presentadas oscilaban entre 1 e 10 meses. Marcos Parga e Idoia Otegui formáronse como arquitectos da Escola de Arquitectura de Madrid e dende 2002 dirixen a oficina PO2 Arquitectos. Destaca a súa participación representando a España en dúas edicións da Bienal de Arquitectura de Venecia (2002 e 2006), e a obtención do Premio da IX Mostra de Arquitectos Xóvenes Españois 2006 organizada pola Fundación Antonio Camuñas. Recentemente foron seleccionados polo Ministerio de Vivenda para participar na exposición “JAE (Jóvenes Arquitectos de Españ)” que tivo lugar en Madrid en setembro de 2008. Dende este ano compaxinan a súa actividade profesional coa docencia, impartindo clases de Proxectos Arquitectónicos na Escola Superior de Arquitectura de Madrid e na Universidade de Alcalá de Henares respectivamente. 4 millóns de investimentos O edificio custará 4 millóns de euros, que serán financiados ó 50% pola institución provincial e a Universidade de Santiago de Compostela, e construirase no Campus de Lugo, entre as avenidas de Madrid e Pablo Iglesias. Gómez Besteiro sinalou que “a Deputación buscaba un edificio funcional, no que se poida prestar unha formación académica de calidade, pero para nós é imprescindible a súa adecuación ó entorno, evitando o feísmo urbanístico”. O prego de condicións establece que o novo inmoble universitario terá 4.000 metros cadrados construídos, así como un espazo adicado ás prácticas coa creación de 8 laboratorios: 6 de topografía, catografía, teledetección, fotometría e proxectos, e 2 de materiais e xeotecnia. Ademais contará cun tanque de oleaxe. Suma de esforzos Gómez Besteiro lembrou que o 27 de marzo de 2007 foi asinado o convenio de colaboración entre a Deputación provincial e a USC. Posteriormente, o 22 de xuño do 2007, a Xunta de Goberno acordou a contratación da redacción do proxecto e a execución da obra que, tras ser publicada no BOP, quedou deserta. “Agora sí que empeza en carreira despois de ter salvadas dificultades técnicas e xurídicas”, engadiu o titular provincial. Pola súa banda, o Vicepresidente Primeiro destacou que “esta iniciativa afonda na intensa relación da Deputación co Campus Universitario e permite incrementar a actividade universitaria”. Carlos Herrero manifestou que “é un día emocionante. Levamos traballando moito xunto coa Deputación para obter un proxecto axeitado, un edificio que posteriormente será un centro diferente e que albergará as titulacións de Enxeñería de Obras Públicas e Topografía”.