Deputación de Lugo

Gómez Besteiro inaugura a Festa da flor organizada pola Federación de Veciños de Lugo

Imaxe deputación de lugo
No acto repartíronse 400 prantas mediciñais e degustáronse produtos ecolóxicos cultivados nos 250 hortos individuais que subvenciona SUPLUSA entre a zona do Rato e a Ponte de Paradai

O Presidente da Deputación destacou o labor da Sociedade Urbanística Provincial na dinamización das zonas verdes da provincia, dándolles un uso sostible O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres a campaña a Festa da flor organizada pola Federación de Asocicacións de Veciños de Lugo. Durante o desenvolvemento do acto, no que tamén participou o presidente da Federación, Jesús Vázquez, repartíronse entre os cidadáns que se achegaron ó paseo do río Rato 400 exemplares de prantas mediciñais e outros tantos caraveis e degustáronse unha grande cantidade de produtos ecolóxicos cultivados nos 250 hortos individuais que subvenciona a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) entre a zona do Rato e a Ponte de Paradai. O titular provincial, que participou no reparto e na degustación, subliñou que “as nosas políticas van máis alá da celebración simbólica deste día. A Deputación aposta polo medio ambiente entendéndoo como unha oportunidade económica. Con proxectos como Lug02 ou Km0 poñemos en valor a riqueza medioambiental da provincia. Precisamente o lugar no que nos atopamos é Reserva da Biosfera”. Neste senso, Gómez Besteiro explicou que a través de SUPLUSA o organismo provincial tamén colabora na dinamización das zonas verdes, dándolles un uso sostible. “Un exemplo son estes hortos individuais que tanto éxito están a ter. Resulta moi satisfactorio ver como fomos quen de darlle unha utilidade a esta zona e comprobar que cada vez son máis as persoas que os solicitan. A Deputación quere ser útil e hoxe demostrámolo unha vez máis”. No acto degustáronse distintos produtos ecolóxicos, como por exemplo tomates frescos, leitugas, pepinos, berenxenas ou pementos. En total, unhas 400 persoas concentráronse no contorno do Rato, onde tamén se lles explicou o proceso de cultivo das prantas e as propiedades mediciñais que teñen algunhas das que se cultivan. Hortos individuais A Sociedade Urbanística Provincial, ademais de promover a construción de polígonos industriais na provincia, está a levar a cabo un proxecto de dinamización das zonas verdes coa colaboración da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, logo de que SUPLUSA sacase a concurso un proxecto para revitalizar estas zonas de Lugo. Esta colaboración enmárcase dentro da aposta que fai a Deputación pola sostibilidade e o medio ambiente. Ámbalas dúas entidades asinaron un convenio de colaboración no ano 2006 para levar a cabo a dinamización das áreas verdes que son propiedade da Deputación. Este convenio ten unha vixencia de 10 anos e a Sociedade Urbanística Provincial, en 2009 aporta uns 38.000 euros cada trimestre para que a Federación leve a cabo as actividades correspondentes de dinamización. En total, hai catro hortos individuais, 3 ubicados na zona da Fervedoira e un en Paradai. Nestes hortos, ademais de que os participantes poden realizar distintas plantacións sendo os encargados das mesmas, tamén se fan cursos de todo tipo: inxerto, poda, plantación de hortalizas, etc. Nas zonas verdes hai 5 casetas ubicadas nos parques do Rato, Paradai, Miño, Chanca e na zona dos Robles. Son casas prefabricadas de madeira na que os usuarios poden atopar bibliografía e información como prensa diaria ou diferentes libros doados pola Deputación. Para o desenvolvemento do programa hai sete monitores distribuídos nas zonas e un coordinador.