Deputación de Lugo

O Barco Muralla de Lugo e un campamento do Km@ complementan a programación do Arde Lucus

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación e o Alcalde de Lugo presentarán mañá as dúas iniciativas que estarán asentadas na Praza do Seminario

Gómez Besteiro recibe da asociación Cohors III Lucensium as moedas oficiais ARDE LUCUS MMX, que estrean nesta edición da festa O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentarán mañá, venres, as iniciativas da Deputación que complementarán a programación do Arde Lucus. Deste xeito, os miles de visitantes que se acheguen ata Lugo esta fin de semana poderán visitar a aula-barco Muralla de Lugo, recén estreada na Mariña e apadriñada polo Secretario de Estado do Ministerio de Política Territorial, Gustavo Zarrías. A embarcación, dotada de novas tecnoloxías pero tamén de aparellos pesqueiros da Mariña, pon en valor a costa lucense, a promoción económica medioambiental da provincia, e o Monumento Bimilenario por excelencia. Na Praza do Seminario, ó carón do barco, tamén se asentará este domingo o campamento eco-tecno-lóxico; no que o organismo provincial dará a coñecer o Km@ Deputación de Lugo que, enmarcado no programa Innova-TE, promociona a administración electrónica. Moeda oficial do Arde Lucus Co motivo da celebración da festa romana, integrantes da Asociación Cohors III Lucensium entregáronlle este xoves ó Presidente da Deputación as moedas do Arde Lucus. Trátase da primeira entidade que crea unha iniciativa semellante, e que, segundo eles, deben ter todos os representantes das institucións luguesas. Esta asociación creada en 2007 foi medrando ano tras ano e, na actualidade, conta con 60 asociados da provincia e doutros puntos de Galicia como Santiago de Compostela. A Cohors III Lucensium, vén organizando en cada edición unha serie de actividades culturais. Este ano, co obxectivo de seguir innovando, realizaron a primeira acuñación de Moneda Oficial ARDE LUCUS MMX. Está realizada en bronce, no anverso figura a cara de Augustu e reza o seguinte: CAESAR AVGVSTVS DIVI F PATER PATRIAE. (César Augusto Diviño Pai da Patria). A moeda repartiuse polos establecementos e ten un valor de dous euros. O obxectivo da iniciativa é que os asistentes se sintan máis identificados coa cidade, facendo que público e comerciantes se metan no papel da festa, exportando unha imaxe positiva e cordial das xentes de Lucus Augusti.