Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participa na XIX Feira do Queixo da Ulloa

Imaxe deputación de lugo
A cita gastronómica desenvolverase esta fin de semana en Antas de Ulla, Concello encargado este ano da súa organización

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará este domingo na XIX Feira do Queiro da Ulloa, que nesta edición está organizada polo Concello de Antas de Ulla. Deste xeito, Gómez Besteiro, quere acompañar ás centos de persoas que exaltarán un dos produtos típicos da Comarca, e que está incluído na Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. O certame desenvolverase na nova praza cuberta de Antas, na que estarán instalados os expositores da queixerías da denominación de orixe. Nesta edición, a feira contará cun convidado de excepción: os elaboradores da comarca do Deza, que xa teñen aprobada a súa incorporación a dita denominación. Os actos darán comezo o sábado cun concurso de tapas elaboradas con este produto nos establecementos de hostalería do municipio. O domingo o Alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, será o encargado de dar lectura ó pregón. Como cada ano haberá a Mostra Artesanal da Comarca da Ulloa, ademais de desfile de cabalos, e de actuacións musicais. As Cantareiras de Ardebullo, Mucha e Nucha, quenes fixeron un treito do Camiño dentro do programa Km0 Compostela impulsado pola Deputación, serán as encargadas de poñer o toque humorístico á cita gastronómica.