Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda apoia a peregrinación de Special Olympics polo Camiño Francés

Imaxe deputación de lugo
Lara Méndez e 137 integrantes deste colectivo fixeron un treito da ruta Xacobea dende Portomarín

A iniciativa, que se enmarca dentro das actividades programadas pola entidade para o Ano Santo, incluiu unha saída simultánea de 500 persoas dende varias vilas polas que pasa o Camiño, entre as que se atopan Lugo e Vilalba A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, quixo acompañar este luns ó colectivo Special Olympics de Galicia na peregrinación iniciada a través das distintas rutas do Camiño de Santiago que discorren por toda a Comunidade. Concretamente, a responsable provincial participou na andaina iniciada en Portomarín por 137 integrantes deste colectivo para percorrer o Camiño Francés. Lara Méndez subliñou que “a Deputación non podía faltar nesta cita porque nós impulsamos unha iniciativa que promove o Camiño e está obtendo moi bos resultados: Km0 a Compostela. A través deste programa impulsamos todos os Camiños que atravesan a provincia, xa que é unha oportunidade económica pero non só este ano, senón permanente”. A Vicepresidenta Segunda tamén destacou a potencia do Camiño para “intensificar a integración social, abrindo novos horizontes e novas experiencias”. A peregrinación enmárcase dentro das actividades programadas por este colectivo para o Ano Santo. Deste xeito, ademais de Portomarín, outros grupos partiron de diferentes vilas para confluír en Santiago o vindeiro sábado, 19 de xuño. En total, nas rutas participarán 500 persoas con discapacidade intelectual. Destas, 300 proceden das asociacións galegas, mentres que as demais acudirán dende Valencia, Castela e León, Castela A Mancha, Asturias e Andalucía. Os participantes viaxan acompañados polos seus monitores, adestradores e voluntarios. A iniciativa desenvólvese nos sete Camiños de Santiago, de tal xeito que este luns tivo lugar un acto de saída conxunta nas prazas dos Concellos de Neda (saída oficial do Camiño Inglés con 51 participantes); Vilalba (saída oficial do Camiño Norte con 80 peregrinos); Lugo (saída oficial do Camiño Primitivo con 91 persoas); Portomarín (saída oficial do Camiño Francés con 137); e Monforte de Lemos (saída oficial do Camiño de Inverno con 60 peregrinos). Precisamente, esta última é unha das rutas más descoñecidas, e que obtivo o apoio da Deputación que preside José Ramón Gómez Besteiro para que fose incluída pola Xunta de Galicia como itinerario oficial do Camiño de Santiago. Asimesmo, outras 73 persoas percorrerán a Vía da Prata e 43 o Camiño Portugués. As actividades previstas por dita Asociación culminarán o 20 de xuño en Santiago coa XIV Xornada de Familias. Trátase dun encontro que ten por finalidade que as persoas con discapacidade intelectual que non poden realizar as etapas do Camiño teñan a oportunidade de participar na celebración do Ano Santo. Unha entidade sen ánimo de lucro Special Olympics é unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter autonómica e adicada á integración social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, o lecer e o tempo libre. Parten da premisa de que as persoas con discapacidade intelectual só son distintas na expresión das súas necesidades e intereses, atopándose a verdadeira diferenza na dispoñibilidade de oportunidades. Dende 1993, e coincidindo cos distintos Anos Santos, veñen organizando peregrinacións e distintas actividades deportivas e de ocio en Santiago de Compostela.