A Deputación investiu 1,5 millóns de euros na estrada de Vilaestrofe a Rúa, en Cervo
Grazas ás xestións realizadas por Lara Méndez, o organismo provincial executou a maiores unha rotonda para facilitar a circulación coas localidades de Burela, Sargadelos e Rúa
A Deputación rematará neste mes o plan de choque creado para atender os danos producidos pola borrasca Doris nas vías municipais, e que lles aforra ós Concellos 300.000 euros
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, supervisaron este luns os traballos de mellora que a Deputación levou a cabo na estrada provincial CP 1502, que vai de Vilaestrofe a Rúa, en Cervo. Deste xeito, o organismo provincial grazas ás xestións levadas a cabo pola Vicepresidenta Segunda, cumpre o compromiso asumido cos veciños deste municipio ó tratarse dunha vía con grande afluencia de tráfico. A Vicepresidenta Segunda subliñou que a Deputación cumpre coa súa palabra. Esta era unha obra moi demandada, xa que segundo as previsións do anterior goberno este treito quedaría en terra. Por tanto, é un día de ledicia para os veciños que vemos rematada unha obra pendente dende hai tres anos. Hoxe o soño é unha realidade, o soño cumpriuse. Agora temos unha boa comunicación en tempo e forma, xa que é unha estrada que ten moito tráfico, e son moitos os que realizan este traxecto catro veces ó día. A Deputación investiu nesta actuación un total de 1.500.000 euros. Os traballos incluiron a aplicación de aglomerado en quente no treito comprendido entre o punto quilométrico 2,600 ó 5,400, ademais da sinalización vertical e horizontal. Asimesmo e malia que non estaba contemplado no proxecto inicial, logo da reunión mantida por Lara Méndez cos veciños da zona, a institución provincial tamén construiu unha rotonda para facilitar o acceso a Burela, Sargadelos e a Rúa. Neste senso, a Vicepresidenta Segunda lembrou que o organismo provincial xa asfaltara en xaneiro de 2009 outro treito de 2,600 quilómetros desta mesma estrada, que formaba parte do POL 2005. Neste caso, o proxecto aprobado polo goberno do Partido Popular só prevía o asfaltado de 900 metros mentres que nos outros 1,700 tan só se contemplaba unha capa de zahorra. O actual equipo de goberno deulle a máxima prioridade a esta obra, consignando unha partida orzamentaria dentro dos Presupostos da Deputación para ese ano, indicou Lara Méndez. Obras de emerxencia en Cervo O Presidente da Deputación e a Vicepresidenta Segunda tamén supervisaron o inicio das obras de emerxencia nas estradas provinciais que o organismo provincial está a levar a cabo para arranxar or danos ocasionados no mes de xuño pola borrasca Doris, e que se inclúen dentro do plan de choque posto en marcha para restablecer a situación na Mariña. A maiores, Gómez Besteiro tamén anunciou que as máquinas do Parque Móbil comezarán a traballar neste Concello a partir de mañá. O organismo provincial foi a primeira administración en poñer en marcha un plan de emerxencia para a recuperación desta zona da provincia, dotado con 1,2 millóns de euros, dos que 900.000 euros corresponden ós danos producidos na rede viaria provincial e 300.000 ós traballos que realizan ás máquinas da Deputación nas vías municipais. Neste último caso, Gómez Besteiro consensuou o programa de actuacións nunha xuntanza mantida cos Alcaldes e Tenentes Alcaldes de todos os Concellos mariñanos, e nestes momentos as máquinas xa concluiron os traballos en 6 dos 8 municipios que compoñen a franxa costeira. Mañá comezarán en Cervo e nos vindeiros días en Viveiro. Deste xeito, o titular provincial cumpre o compromiso asumido naquela xuntanza na que pechara un plan a 40 días para os Concellos situados en primeira liña de costa, quedando para unha segunda fase os que se atopan máis no interior. Precisamente, o máximo mandatario provincial enviou este luns unha carta ó Conselleiro de Presidencia para informalo do desenvolvemento do plan e das actuacións levadas a cabo en cada un dos Concellos; información que tamén lle foi trasladada á Subdelegación do Goberno en Lugo. En total, na Mariña traballan 20 operarios, ademais de 3 equipos de rego, formados por 3 cisternas de emulsión asfáltica, 2 camións gravilleiros e 3 apisonadoras, ademais de 2 equipos de limpeza, compostos por 2 motoniveladoras, 2 camións basculantes e outras tantas palas. Os traballos que as máquinas levan a cabo só nas vías municipais supoñen un custe para o organismo provincial duns 50 millóns das antigas pesetas, de tal xeito que a Deputación non só está a colaborar para que a Mariña recobre a normalidade, senón que lle permite aforrar ás arcas municipais o custe da contratación dos traballos. Máis de 50.000 euros para as comunidades veciñais A Deputación tamén acomete outros investimentos en Cervo. É o caso do Plan de Comunidades Veciñais, a través do que o organismo provincial subvencionou durante estes dous últimos anos actuacións por valor de 51.900 euros. Precisamente, Gómez Besteiro e Lara Méndez visitaron o local social da asociación Cervo-Sargadelos e o arranxo do campo da festa de Trasbar, levados a cabo dentro desta iniciativa. Nesta última localidade, o organismo provincial tamén arranxou unha pista dentro do Plan de Conservación.