Deputación de Lugo

O INLUDES destina máis de 700.000 euros á promoción de produtos autóctonos e dos sectores da gandeiría e da pesca

Gómez Besteiro e Lara Méndez presentaron a VI Festa do Berberecho de Foz na que se degustarán uns 4.000 quilos do bivalbo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, o Alcalde de Foz, José María García Rivera, e o Concelleiro de Cultura do Concello mariñano, Xaime Cancio, presentaron este luns a VI edición da Festa do Berberecho de Foz coa que colabora a institución provincial, a través do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES). Neste senso, o organismo dependente da Deputación destinará en 2009 máis de 700.000 euros á promoción de produtos autóctonos como o berberecho e de sectores que sustentan a economía luguesa como a gandeiría e a pesca, ó marxe doutras actuacións relacionadas co desenvolvemento agropecuario e coa Granxa Gayoso Castro. Gómez Besteiro destacou que “é certo que mentres un está nunha institución, sexa un Concello, unha Deputación, un Ministerio ou unha asociación de veciños, a potenciación de eventos como a festa do berberecho é a nosa obriga, xa que isto tamén é colaborar cos Concellos”. Do mesmo xeito referiuse a Vicepresidenta Segunda e responsable do INLUDES ó sinalar que se trata “dunha cita que ten o éxito asegurado e cada ano incrementa o número de visitantes e a exquisitez dos produtos. A función do INLUDES tamén é colaborar con iniciativas deste tipo destinadas a promocionar os produtos autóctonos que sustentan a economía da provincia”. A cita gastronómica, a única en Galicia destas características, dará comezo ás 12:00 horas do día 17 co pregón do xornalista José Alonso e contará con 5.000 visitantes. Durante todo o día degustaranse uns 4.000 quilos do bivalbo elaborados de cinco formas diferentes, 3 pola Escola de Hostalería da localidade mariñá e 2 por unha empresa do municipio. A principal produtora de berberechos de España A ría de Foz foi durante décadas a principal produtora de berberechos de España. Para lembrar aquel tempo, o porto da localidade mariñá acolle un ano máis a exaltación deste bivalvo. García Rivera, que felicitou a xestión do novo goberno da Deputación “como institución aberta, democrática e donde hai cabida para todos”, lembrou que na ría chegaron a venderse diariamente 40.000 quilos de berberecho. A este respecto, subliñou que “cando se constrúa a segunda depuradora de augas residuais volverá a consolidarse a ría e volverá a dar os froitos de anos atrás”. Uns 50 establecementos do pobo colaboran coa iniciativa. O festexo inclúe un amplo programa no que destaca a actuación de 5 charangas e un paquete turístico para as persoas que queira pasar toda a fin de semana en Foz, explicou o Concelleiro de Cultura. O prezo de aloxamento oscila entre os 60 e os 150 euros e inclúe pensión completa en turismo rural ou hotel, ademais de dúas visitas guidadas ó río do Ouro e á Basílica de San Martiño. Asimesmo, o equipo do programa da Radio Galega, Pensando en Ti, emitirase desde a sala Bahía, co obxectivo de seguir promocionando a Festa ó igual que a organización fixo en Mieres ou Cudillero. Reprodución do arao O rexedor focense aproveitou a ocasión para entregarlle ó Presidente da Deputación unha réplica dun arao, animal que esta fin de semana volverá a verse na dársena de Foz e que se caracteriza por reunirse preto dos cantís nos que van criar. Estas aves non constrúen niño. Cando as femias poñen o ovo, as cornisas están repletas de aves aliñadas e mirando cara o mar co ovo entre as patas. O Prestige afectou a un bo número destes exemplares semellantes ós pingüíns. De 32 morreran 20 e 12 recuperáronse nun centro de Luarca. García Rivera dixo que “isto significa que se reproduciu o arao. O que aconteceu con esta especie é un exemplo dunha catástrofe que nunca máis se ten que volver producir”.