Deputación de Lugo

Deputación e Concello organizan no Miño actividades lúdico-mediambientais nunca vistas na provincia con Lugo10

Imaxe deputación de lugo
- Besteiro e Orozco presentan Lugoteando, unha programación para toda a familia con espectaculares deportes, wakeboard para surfear o río, buceo, bolas xigantes para camiñar pola auga, rutas chill-out en catamarán e mesmo cenas románticas nos Robles
- O Presidente e o Alcalde subliñaron que chegou o momento de “redescubrir e vivir o río”
- Aberta a inscrición no 982-120-064. Máis información: www.deputacionlugo.org, www.lugo.es, www.lugo10.es, e no teléfono 010

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentaron este xoves Lugoteando, unha novidosa programación de actividades lúdico-medioambientais nunca vistas na provincia dirixida a toda a familia. A iniciativa, que se desenvolverá dende 5 ó 22 de xullo e cuxo prezo é de 5 euros por persoa, enmárcase na programación de Lugo10 aproveitando deste xeito a promoción do 10º aniversario da Muralla para a posta en valor do patrimonio natural. Lugoteando inclúe actividades para todas as idades. Deste xeito, organizaránse grupos de 8 persoas que poderán realizar ata 4 actividades en cada quenda, redescubrindo unha nova faciana do río Miño ata o de agora descoñecida. Os nenos de entre 7 en 11 anos poderán practicar o equilibrio camiñando sobre a auga dentro das bolas acuáticas ou a cabalo das bananas acuáticas, mergullarse como os golfiños cos sea-Scooter; redescubrir a ribeira do río con rutas dirixidas por expertos en bioloxía; así coma outros divertidos xogos infantís na auga. Os maiores de 11 anos e os adultos terán ademais: paddle-sur, un completo exercicio que tonifica todos os músculos do corpo ó navegar a bordo de táboas de surf a remo; wakeboard, unha combinación entre esquí acuático e snowboard que consiste en deslizarse sobre unha táboa, facendo saltos e acrobacias; bautizo ó mergullo, mediante o cal se ofrecen clases prácticas e coñecementos teóricos sobre o buceo. Gómez Besteiro salientou que “son actividades que normalmente se ven no mar pero fomos capaces de traer ó río para que, con imaginación e austeridad xa que o prezo é so de 5 euros, a xente poida gozar do Miño dunha forma distinta. Deste xeito, ó tempo que poñemos en valor o Monumento co que todos os lucenses nos identificamos, impulsamos o segundo patrimonio lucense logo do histórico: o medioambiental. O que queremos é achegar a xente ó río, integralo na vida da cidade... En definitiva, vivir o río”. Da mesma forma, o Presidente lembrou que con Lugoteando a Deputación cumpre con todos os compromisos adquiridos durante 10º aniversario da Muralla: a celebración da I Gala Muralla Moda; a presentación do Barco Muralla de Lugo, unha embarcación única en España que fai eco da provincia por todo o país; e o I Concurso Nacional de Curtas e Maquetas. Pola súa banda, López Orozco destacou que “esta é unha colaboración máis entre Deputación e Concello. Lugoteando está formada por actividades estivais coas que a Muralla tamén vén ó río e Lugo10 está presente en todo o entorno do noso municipio. É ademais, unha magnífica maneira de que os centos de persoas que nos visitan en xuño, sobre todo esta fin de semana na que celebramos o Arde Lucus, saiban que na cidade de Astérix e Obérix tamén se conmemora o 10º aniversario do noso Monumento dende Foz, onde onte presentamos o Barco Muralla, no centro da capital, e ata no Miño”. Na presentación, que tivo lugar na área recreativa dos Robles durante un almorzo deportivo, os asistentes puideron presenciar xa espectaculares exhibicións como a de wakeboard que ofreceu Andrés Ayala, competidor europeo que acaba de chegar de Filipinas, país onde adestra durante todo o inverno. Ligoteando A programación inclúe ademais, os días 9 e 16 de xullo, a modalidade Ligoteando formada por paseos en catamarán amenizados por dj´s con música chill out, e unha cea romántica no restautante dos Robles na que se poderá degustar: crepes recheos de marisco, croquetas caseiras de marisco envoltas en filloas, ensalada de verán, brocheta de carne a grella co patacas, tellas con xeada, máis viño e café. O prezo é de 25 euros por persoa que se deberán abonar previamente no número de conta do establecemento: Caixa de Pensións 2100-4206-86-2200027601. Inscrición e horario Desde hoxe está aberta a inscrición no número de teléfono: 982-120-064 dende ás 11:00 ás 14:00 horas e de 17:00 ás 20:00. O pago das actividades efectuarase previamente na seguinte conta: Banesto 0030-7060-30-0298064273, agás o da cena que se realizará no número citado anteriormente. Para máis información: www.deputacionlugo.org, www.lugo.es, www.lugo10.es, ou no teléfono de información municipal 010. No caso dos menores de idade, terán que traer unha autorización asinada dos pais ou titores que poden descargar nas webs.