Deputación de Lugo

A Deputación executa todas as obras do canon 2008-2009 de Ferreira de Pantón

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro e o Alcalde deste municipio supervisaron os traballos nos que o organismo provincial inviste máis de 230.000 euros

O titular provincial subliña que “son obras moi importantes para este municipio que xeran obra pública e contribúen a manter o emprego nesta zona da provincia. Neste ano o canon será definitivamente historia” A Deputación realiza investimentos neste Concello que, sumados ó canon, superan o 1 millón de euros O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Ferreira de Pantón, José Luis Álvarez, supervisou este mércores varias obras que o organismo provincial está a levar a cabo neste Concello, e que se inclúen dentro do canon enerxético de 2008 e 2009. A Deputación inviste neste municipio preto de 350.000 euros, dos que de 232.476 corresponden ás dúas primeiras anualidades, quedando un terzo, é dicir, 116.238 euros para este ano. Neste senso, o titular provincial lembrou que “no Pleno de maio aprobaremos as obras da última anualidade de Chantada e a cuantía para o resto de municipios afectados, entre os que se atopa Ferreira de Pantón, polo que 2010 pasará á historia como o ano no que a Deputación saldou esta débeda histórica”. Dentro destas anualidades, as obras, que se inclúen dentro do Plan de Ferreira de Pantón e que se están a executar nestes momentos, son a conducción de augas na rúa Chao Falcón, dotada con 142.474 euros; e a traída de auga en Bazal na que a Deputación inviste 27.776 euros. Tamén se contempla a construción dun paseo fluvial, valorado en 62.225 euros, que finalmente será executado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil logo da xestión realizada polo organismo provincial. Neste senso, Gómez Besteiro destacou que “son obras moi importantes para este municipio que xeran obra pública e contribúen a manter o emprego nesta zona da provincia. A Deputación busca solucións ós problemas, non os xera; un exemplo son estas obras que todos os veciños poden ver que son unha realidade”. O rexedor municipal agradeceu a visita do Presidente “porque as obras do canon, ó igual que as do Plan E, axudan moito ós Concellos pequenos”. José Luis Álvarez aproveitou a ocasión para reclamar a Gómez Besteiro o polígono industrial deste municipio. A este respecto, o titular provincial suliñou que “liquidamos a Chantada e ó resto de Concellos. Seguindo a evolución de obras trai outras como a área industrial de Pantón. Están case a punto de licitarse os de Castroverde, Paradela, e Chantada, pero tamén lle tocará a Pantón. As obras van ir no ritmo previsto, algo que é importante sobre todo no momento en que a economía necesita que as administracións inxectemos máis”. O equipo de goberno presentou a semana pasada un Plan Extraordinario de Obra Pública de máis de 60 millóns de euros, e que foi aprobado no Pleno de onte. Nesta macro programación, que ten como obxectivo manter os postos de traballos para adiantar a saída da crise económica e para a que a Deputación non tivo que recurrir a financiamento externo nin a unha operación de crédito ó estar en plena posesión dos cartos, inclúese o pagamento do canon enérxetico de 2010 ós 16 Concellos. Outros investimentos en Pantón A Deputación realiza outros investimentos en Ferreira de Pantón e que suman, xunto co canon, máis de um millón de euros. Dentro do Plan de Comunidades Veciñais, o organismo provincial subvencionou obras nos últimos dous anos por valor de 60.500 euros. Asimesmo, este municipio recibirá en 2010 5.500 euros para citas gastronómicas e festivas como a Feira do Viño e a Mostra de Viño e Ruta do Románico. Para a roza dos 102,6 quilómetros, o organismo provincial achegou dende 2008 54.393 euros, e na conservación da rede viaria, que recentemente vén de aprobar o organismo provincial ata 2012, a este municipio correspóndelle 582.455 euros.