Deputación de Lugo

Gómez Besteiro anuncia que se axilizarán ó máximo os prazos para a construción da Escola de Enxeñería Civil

O Presidente da Deputación e o Reitor da USC asinan o protocolo para a redacción do proxecto cuia contratación foi aprobada na Xunta de Goberno de hoxe

O edificio custará 4 millóns de euros, financiados ó 50% pola Deputación e a USC, e será construído en terreos cedidos pola intitución provincial O titular provincial destaca que temos os terreos, a memoria de necesidades e a consignación prepostaria O futuro edificio terá 4.000 metros cadrados útiles, dos que boa parte se adicarán á realización de prácticas O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, asinaron este venres o protocolo para a redacción do proxecto da futura Escola da Exeñería Civil do campus de Lugo. O edificio custará 4 millóns de euros, que serán financiado ó 50% pola institución provincial e a Universidade de Santiago de Compostela, e construirase en terreos da Deputación, entre as avenidas de Madrid e Pablo Iglesias. O máximo responsable provincial subliñou que as grandes obras son as que fan grandes ás cidades. O Presidente apuntou que temos os terreos, contamos coa memoria das necesidades e coa consignación orzamentaria. Ademais, hoxe vai polo trámite de urxencia á Xunta de Goberno a aprobación da contratación da redacción do proxecto, co obxectivo de axilizar ó máximo os prazos de construción. Neste senso, apuntou que a contratación da redacción do proxecto, á que se destinan 160.000 euros -cantidade que corresponde ó 4% do presuposto- será financiado pola institución provincial. Pola súa banda, o reitor dixo que o edificio terá 4.500 metros cadrados de superficie construída e 4.000 de superficie útil. Senén Barro subliñou a importancia que terá o espazo adicado ás prácticas coa creación de diversos laboratorios, entre os que destacou o tanque de oleaxe. Este é un dos mellores campus de España de acordo co seu perfil. Singularizar a orientación temática dos campus é unha aposta clara do Ministerio e dos países máis avanzados. O titular provincial destacou varias novidades respecto á idea inicial, como son a valoración das condicións estéticas do edificio, así como a súa situación dentro da propia parcela, buscando a máxima integración e harmonía urbanística. Queremos un edificio funcional, no que se poida prestar unha formación académica de calidade, pero para nós é imprescindible a súa adecuación ó entorno, evitando o feísmo urbanístico. Suma de esforzos Gómez Bestiro dixo que traballamos para a recuperación da nosa economía e a creación de postos de traballo e ambas están estreitamente vencelladas a unha formación que resposte ós novos tempos e ó fomento da obra pública. Hoxe Deputación e Universidade seguimos esa folla de ruta. Para o sector, é un elemento clave a construción da Escola para as titulacións do ámbito da Enxeñería Civil -que comprenderá Enxeñería de Obras Públicas e Topografía-. Hoxe é indiscutible unha docencia e investigación de calidade, pero esta precisa duns medios axeitados porque queremos que os estudantes de Lugo sexan os mellor preparados. Non nos conformamos con menos, apuntou o Presidente. Con esta sinatura de hoxe a Deputación e a Universidade sumamos esforzos para que este obxectivo sexa unha realidade. Este é un exemplo máis da boa sintonía que existe entre as dúas institucións e da aposta da Deputación polo Campus de Lugo, que é constante ó longo da historia e que continúa nesta nova etapa. Queremos ser útiles e imos demostralo con feitos como este. Gómez Besteiro lembrou que o 27 de marzo de 2007 foi asinado o convenio de colaboración entre a Deputación provincial e a USC. Posteriormente, o 22 de xuño do 2007, a Xunta de Goberno acordou a contratación da redacción do proxecto e a execución da obra que, tras ser publicada no BOP, quedou deserta.