Deputación de Lugo

Deputación e Xunta pechan a transferencia dos hospitais provinciais ó SERGAS para o 1 de xaneiro de 2011

Imaxe deputación de lugo
O Presidente e a Conselleira de Sanidade asinaron o protocolo que marcará a partir deste momento o traspaso dos centros sanitarios, e que establece que a administración autonómica asume os traballadores e os doentes

Nos vindeiros días crearase unha Comisión Técnica que será a encargada de definir o proceso, e a que fixará a débeda definitiva que a Consellería ten contraída co organismo provincial Gómez Besteiro subliña que “politicamente están feitas as tranferencias. O importante é que hai unha data para facer o traspaso, polo que a Deputación cumpre un dos compromisos para este mandato” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, asinaron este martes o protocolo marco que guiará o traspaso dos centros sanitarios e o calendario a seguir para que a transferencia sexa efectiva de forma oficial o 1 de xaneiro de 2011. A partir desta data, o SERGAS encargarase dos traballadores e dos pacientes dos dous hospitais. Gómez Besteiro destacou que “politicamente están feitas as transferencias. O importante é que hai unha data para facer o traspaso, polo que a Deputación cumpre un dos compromisos políticos asumidos para este mandato”. Neste senso, o Presidente indicou que “a Deputación non podía seguir mantendo as instalacións sanitarias. Isto non é ó que nos temos que adicar, senón á cooperación cos Concellos”. Asimesmo, indicou que “isto vai a producir un adelgazamento querido de cara ó Orzamento de 2011, porque xa non teremos que establecer esta previsión”. Asinado o protocolo, os técnicos comezarán a traballar de xeito inmediato, e crearase unha Comisión Técnica que coordinará todo o proceso. O Servizo Galego de Saúde asumirá as prestacións sanitarias que se desenvolven nestes centros, o que terá a súa consecuencia na mellora da atención ós pacientes e na calidade das prestacións sanitarias. Polo que se refire ós traballadores, transferiranse 207, máis 15 excedentes e o persoal temporal. Ademais, os contratos do persoal temporal que se subscriban a partir da sinatura deste protocolo non poderán exceder na súa vixencia o 31 de decembro de 2010. Deste xeito, o persoal de San José irase traslandando ó novo Hospital, ó Lucus Augusti, a partir do mes de outubro. Con respecto ó hospital de San Rafael, que se ocupa da atención a pacientes con patoloxías psquiátricas de longa estancia, en principio incorporaranse ó centro de Calde unha vez realizadas as correspondentes reformas que permitan a reapertura deste hospital, asumindo o SERGAS o custe durante os primeiros meses de 2011. Neste último caso, a Conselleira explicou que existen tres posibilidades: se a patoloxía o require, trasladaranse á unidade de agudos do novo hospital; os que precisen unha praza de longa e media estancia ó de Calde; e para os que sexa necesario unha atención asistencial e nos sanitaria estableceranse contactos coa Consellería de Traballo. Inmobles e débeda Dado que a Xunta decidiu prescindir dos inmobles nos que se ubican os centros, estes seguirán pertencendo ó patrimonio da Deputación. Neste caso, o máximo mandatario provincial reiterou que no de San Rafael, a Deputación queda aberta a calquera proxecto, e a súa participación limitarase á cesión do inmoble. No encontro de hoxe o titular provincial e a responsable do departamento económico autonómico pecharon a liquidación da débeda contraída pola Xunta coa Deputación dende o 1 de xaneiro de 2005 ata o 31 de decembro de 2009, e que se cifra en 22 millóns de euros, ós que haberá que restar o superávit do San José, o valor dos inmobles e os axustes económicos de 2010. Tanto o Presidente como a Conselleira explicaron que a cifra será precisada proximamente pola Comisión Técnica, e que a Xunta fará fronte ó pago da mesma en 6 anos. É dicir, dende 2011 ata 2016.