Deputación de Lugo

MARGARITA LEDO PRESENTOU HOXE O SEU RELATORIO PRENSA EN CONSTRUCIÓN NO SALÓN DE ACTOS DA DEPUTACIÓN

A evolución da prensa e o papel que xogou o nacionalismo galego ao longo do século XX foi un dos eixos vertebradores da súa exposición

A charla enmárcase no ciclo de conferencias A Galiza das Irmandades: Unha perspectiva actual, unhas xornadas que se están a desenvolver no Pazo de San Marcos dende o pasado mes de novembro Celebrouse no salón de actos da Deputación de Lugo unha conferencia máis do ciclo A Galiza das Irmandades: unha perspectiva actual. Estas charlas están organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e contan con apoio da área de Cultura da Deputación. Margarita Ledo que, a parte da súa faceta de directora cinematográfica, é escritora e profesora catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, fixo unha análise pormenorizada da historia, do presente e do futuro da prensa en Galiza. Ledo disertou na súa charla sobre o papel que debe de xogar a prensa como parte do país galego e da interación entre prensa e nacionalismo. Margarita Ledo ten publicado numerosos traballos de investigación sobre o sector audiovisual, nos que entre outros eixos destacan as culturas minorizadas e o formato documental. Dirixe o Observatorio do Audiovisual Galego (ODA), preside a Federación Lusófona de Ciencias da Comunicación (LUSOCOM) e a Asociación Galega de Investigación en Comunicación (AGACOM). O 90ª aniversario da Asamblea Nacionalista é o eixo condutor destas xornadas que levan por título, A Galiza das Irmandades: unha perspectiva actual. A través das distintas conferencias programadas para esta convención poñerase de manifesto a vixencia do ideario nacionalista asinado no ano 1918. Con este acto, organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), preténdese dar a coñecer unha etapa histórica de Galicia e a existencia dun fito crucial que supuxo o nacemento do nacionalismo moderno e da historia do noso país. O manifesto nacionalista asinado en Lugo no ano 1918 é de grande importancia, porque supón un punto de inflexión determinante na historia do galeguismo político. Publicado no seu día como Manifesto ao Pobo Galego e distribuído en forma de folla solta, recolle os acordos da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala. O mencionado pacto foi asinado hai 90 anos, no Hotel Méndez Núñez da cidade de Lugo, e representa a día de hoxe o cerne e o xermolo do Nacionalismo Galego. Un exposición e unha ruta pola cidade Unha vez superado o ecuador destas xornadas, cómpre lembrar que as tres últimas conferencias desta convención se celebrarán días 15, 16 e 30 de xaneiro. Deste xeito, Xosé Díaz, Antón Bao e Pilar García Negro, presentarán no Salón de Actos da Deputación de Lugo a súa particular visión da evolución e do papel xogado polo nacionalismo en distintos eidos, a través dos seus relatorios titulados “Réxime Económico”, “A Lingua, o ensino e a cultura” e “Os dereitos civís”, respectivamente. A maiores, dende o día 30 de xaneiro poderase visitar no Pazo de San Marcos, unha exposición monográfica na que se recollen varios textos e imaxes da I Asamblea Nacionalista. Ao día seguinte, o escritor Lois Diéguez, a iso das 13,00 horas, converterase no guía dunha ruta a pé pola cidade que servirá para coñecer mellor e de primeira man a historia e as xentes das comarcas e da urbe lucense. Unha ollada ao pasado Ata o de agora foron obxecto de estudo e debate os sete apartados do manifesto asinado en Lugo no ano 1918 e a relación existente coa realidade actual galega, da man do ex deputado nacionalista Francisco Rodríguez. Pola súa banda, a organización territorial foi a protagonista por excelencia da mesa redonda organizada na segunda quincena do pasado mes de novembro e, na que participaron Maximino Fernández, Pablo López Vidal e Pablo González Mariñas, representantes do PPdG, do PSdG e do BNG respectivamente. Uns días despois, a comezos do mes de decembro, Xoán C. Garrido falou, no transcurso da súa exposición, dos movementos sociais que se produciron na primeira década do século XX, do rexurdir destas actividades e da toma de conciencia adquirida polas clases populares e polo campesiñado, unha vez asumida a situación política e social que lles tocou vivir. Tamén nos primeiros días de decembro, Encarna Otero falou importancia de conservar e potenciar todos aqueles elementos arquitectónicos e territoriais que definen e identifican a estética xeográfica de Galicia centraron a antepenúltima das conferencias pronunciadas ata o de agora.