Deputación de Lugo

Antonio Veiga clausura o VII curso A arte galega organizado polo Museo Provincial de Lugo

O simposio, que pretendía dar unha visión actual da arte en Galiza, contou cun alto número de participantes segundo informaron os organizadores

O delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, clausurou este venres o VII Curso A Arte Galega, acompañada polo técnico de difusión do Museo Provincial, Fernando Arribas Arias, quen coordinou o proxecto xunto á profesora da Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC, Ana Goy Diz. Foron as dependencias do propio museo lucense as que acolleron estas xornadas ás que asistiron preto de 80 persoas. Na súa intervención, Antonio Veiga lembrou que o principal obxectivo deste curso era o de dar unha visión da arte galega, dende o Paleotítico ata os tempos actuais, poñendo especial incidencia nas manifestacións artísticas existentes en Lugo e, concretamente, no Museo Provincial de Lugo. Tal e como comentara a directora do museo no acto de presentación do taller de conferencias, Aurelia Balseiro, este ano desenvolveuse a segunda parte dun taller dedicado ao barroco, “un estilo artístico cunha grande incidencia en toda a nosa xeografía”e que levaba por título “O Barroco en Galiza: A Súa Relevancia Na Provincia de Lugo: A Forza das Imaxes”. A maiores, o delegado da Área de Cultura da Deputación resaltou a “alta participación” no curso ao tempo que lembraba que no simposio participaron profesionais e estudosos cunha ampla traxectoria profesional neste eido como son o catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, José Manuel García Iglesias, a catedrática de Literatura Española da Universidade da Coruña, Sagrario López Poza, os profesores titulares de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Goy Diz, José Manuel López Vázquez, Juan Monterroso Montero, Rosa Cacheda Barreiro e Enrique Fernández Castiñeiras, os historiadores Ana Diéguez Rodríguez e Leopoldo Fernández Gasalla, o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle Pérez e os doutores Rosa Vázquez Santos, Francisco Xabier Louzao Martínez, Yayoi Kawamura e Ramón Villares Paz. O Museo de Lugo organizou este curso, a través do seu departamento de Difusión, en colaboración coa Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.