Deputación de Lugo

A Deputación concede a súa Medalla de Ouro
ó diario El Progreso

A Corporación tamén aproba, a petición do Presidente, a creación do Bosque Centenario en conmemoración dos cen anos do xornal da provincia

O Pleno deste martes aprobou por unanimidade, e a proposta do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a concesión da Medalla de Ouro da Provincia de Lugo ó diario El Progreso tendo en conta a celebración do seu centenario e en recoñecemento ó seu dilatado e meritorio labor en beneficio dos intereses xerais da provincia de Lugo. A proposta da Presidencia o Pleno tamén aprobou co apoio de todos os grupos políticos o acondicionamento dunha zona verde baixo a denominación de “O Bosque do Centenario”, na zona do río Rato-Fervedoira que é propiedade da institución provincial, deseñado para o ocio de todos os veciños e veciñas desta provincia e baixo o prisma de proxección de continuidade no futuro. Esta actuación singular responde ás novas políticas da Deputación Provincial que teñen como prioridade poñer en valor o noso patrimonio natural, único no mundo e avalado por especies protexidas de enorme variedade e riqueza paisaxística. Vincúlase tamén ó ambicioso programa Lug02, posto en marcha pola Deputación de Lugo co respaldo da Unión Europea, e que empeza a executarse cunha máxima: o desenvolvemento dos municipios que conforman as Reservas da Biosfera. En virtude deste acordo, a Deputación prantará 101 árbores de especies autóctonas nun espazo medioambiental privilexiado que ademais se asenta no corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño, é dicir, nunha das áreas medioambientais máis valiosas de cantas existen en Europa. As 101 árbores simbolizarán cada un dos anos cumpridos por El Progreso, enraizados na sociedade lucense e unidos con ela xa para sempre. A última árbore, a 101, representa os desexos de continuidade e prosperidade que esta Corporación Provincial lle quere expresar a El Progreso de cara ós anos futuros, para que siga brotando coa mesma paixón por Lugo que o caracterizou nos últimos cen. “O Bosque do Centenario” reflectirá os valores de El Progreso, unha empresa lucense que soubo consolidarse co paso dos anos, afrontou con decisión os retos dos novos tempos e estendeu seus lazos a toda a sociedade, tal e como simbolizan as ramas da árbore do logotipo que El Progreso deseñou para o seu Centenario, e que identicamente farán as das 101 árbores plantadas. Para acondicionar con todas as garantías este espazo natural, a Deputación Provincial obterá os permisos necesarios da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, xa que no planeamento urbanístico actual do Concello de Lugo a zona do río Rato-Fervedoira está declarada SNU-4 (Solo Especial de Protección de Cuncas). Unha vez aprobado este acordo a Deputación Provincial fará partícipe do mesmo ó Concello de Lugo co fin de que así o recolla na planificación do seu desenvolvemento e poda asegurarlle unha especial protección de cara ó futuro.