Deputación de Lugo

Cestería, vidro e cerámica completan a oferta da programación do CENTRAD de inverno

Imaxe deputación de lugo

Deste este xoves ata principios de maio impartiranse un total de 10 cursos

Este xoves, 5 de marzo, darán comezo o cursos de cestería que organiza o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación dentro da programación de inverno. Este ano, ademais desta modalidade, o CENTRAD completa a oferta formativa coas de vidro e cerámica. Un total de 10 cursos forman a programación que se desenvolverá ata principios do mes de maio. Os obradoiros serán impartidos por especialistas na materia como os cesteiros Joan Farré, especializado na cestería con vimbio en vivo, Antonio Rodríguez, na cestería andaluza de palmeira anana, María de la Cruz Torre, na de palla, Carlos Fontales, na tradicional galega de vimbio, Aurora Martínez, na cesteria ferroviaria -coa que se elabora o maletín típico empregado por estes profesionais no seu traballo- Joseph Mercader, na cestería catalá e típica das zonas bañadas polo Mediterráneo, etc. Como novidade, este ano tamén serán protagonistas o vidro e a cerámica. No primeiro caso, Anna Marco Aldegheri impartirá o de fusing e termoformado. Este obradoiro presenta as técnicas de fusión de diferentes tipos de vidro en forno e combinación con diversas técnicas, inclusións, polvo de vidro, moldes con fibra, cerámicos e de ladrillo refractario, para a creación de obxectos de deseño propio. Pola súa banda, o ceramista Pablo Mazoy será o encargado de ensinar ós alumnos distintas técnicas de cerámica artesanal, a través da cocción e do forno. Os cursos teñen unha capacidade de 10 alumnos como máximo. Están dirixidos a artesáns profesionais e ó público en xeral. A duración dos mesmos oscila entre as 16 e as 45 horas. A incrición poderá realizarse ata dous días antes do comezo de cada obradoiro, a través do teléfono: 82 21 00 66 ou do número de fax: 982 21 90 14. Cunha duración de 285 horas estes cursos permiten recopilar as técnicas tradicionais de cestería da provincia de Lugo e doutros puntos de Galicia e mesmo de España para logo dalas a coñecer, conseguindo así que a tradición e os oficios máis antigos non desaparezan e permanezan no tempo. Os cursos impartiranse no Centro de Cestería do río Rato, a mellor escola de cestería de España e de Europa, que ademais conta cun entorno privilexiado que contribúe a que este oficio teña continuidade. Construción de mobiliario con vimbio vivo Este xoves, dará comezo o curso de construción con vimbio vivo, a través do cal os participantes elaborarán distintas pezas de mobiliario exterior como bancos ou vaias. Esta é a primeira vez que o Centro de Cestería imparte un curso destas características nos que, ademais do vimbio, tamén se empregan láminas de castiñeiro. O obradoiro será impartido polo catalán Joan Farré Oliver de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas desde o día 5 ata o 8 de marzo. Dispón de 32 horas de formación e ten unha capacidade para 10 alumnos.