Deputación de Lugo

Antón Bao entrégalle a Santiago Jaureguizar o I Premio Xornalístico Museo de Lugo

O xornalista gañou a primeira edición deste certame cunha reportaxe de investigación sobre o poeta lucense Luís Pimentel

O vicepresidente primeiro primeiro da Deputación pediulles ás administracións que apoien a cultura “en tempos de crise económica” O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, entregoulle hoxe ao xornalista Santiago Jaureguizar o I Premio Xornalístico Museo de Lugo. Ao acto de entrega, celebrado no Museo Provincial, asistiron a directora desta entidade, Aurelia Balseiro, o presidente da Asociación de Prensa de Lugo, Xoán Carlos Vidal Crende, e o director territorial Caixa-Nova, Jesús Fernández Vidal. O pasado mes de febreiro, o xurado do certame revelaba o nome gañador da primeira edición do Premio Xornalístico Museo de Lugo, Santiago Jaureguizar. O xornalista alzábase co triunfo coa súa reportaxe “Medio siglo sin el poeta discreto” publicada no xornal El Progreso co gallo do 50 aniversario da morte do poeta lucense Luís Pimentel. Na selección do texto gañador participaron a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, o presidente da Asociación de Prensa de Lugo (APL), Xoán Carlos Vidal, o presidente da Federación Galega de Xornalistas, Manuel González, o director de Caixanova na comarca de Lugo, Xesús Fernández Vidal, e o secretario da APL, Miguel Olarte, quen coincidiron na “calidade dos traballos presentados” por todos e cada un dos participantes. Segundo expuxo o propio Xoán Carlos Vidal durante o acto de entrega do Premio Museo de Lugo, Jaureguizar gañou o certame pola “calidade do traballo de investigación” , un texto “no que se nutre de numerosas fontes directas” e que se converte nun híbrido máis entre xornalismo e literatura. Tal e como recoñeceu o autor da reportaxe, Santiago Jaureguizar, parte do “logro” radica na súa maquetación, realizada por dúas compañeiras traballo no xornal El Progreso. En prol da cultura lucense O vicepresidente primeiro da Deputación foi o encargado de entregarlle o premio a Santiago Jaureguizar. O xornalista recibiu de mans de Antón Bao unha pequena maqueta, realizada a man, do Museo Provincial de Lugo. No discurso de clausura do acto, Antón Bao recalcou as “especiais circunstancias” do nacemento deste I Premio Museo de Lugo. O 75 aniversario do Museo Provincial, o 60 aniversario da Asociación da Prensa de Lugo e tamén, o centenario do xornal El Progreso, e por último, o 50 aniversario da morte do poeta lucense Luís Pimentel fixeron deste ano, o 2009, a data idónea para a súa celebración. Nesta liña, Antón Bao resaltou a importancia deste premio ao fomentar a cultura “en tempos difíciles”. Por iso, o vicepresidente primeiro pediu “un maior esforzo e apoio por parte das administracións para continuar con este labor”. Como exemplo, Antón Bao citou o Museo Provincial de Lugo onde, se traballa día a día para “achegalo á sociedade” e convertelo no “buque insignia da cidade no eido cultural”.