Deputación de Lugo

O programa de visitas Km0 chega ós centros educativos da provincia

Alumnos do colexio da Asunción de Sarria son os primeiros en participar neste programa de visitas promovido pola Deputación.

Gómez Besteiro destaca ante os rapaces a importancia do medio ambiente e a súa conservación. O programa de visitas institucionais e medioambientais Km0 chega ós centros educativos da provincia. Alumnos de 10 e 11 anos do colexio A Nosa Señora da Asunción de Sarria son os primeiros en participar nesta iniciativa, da que xa disfrutaron máis de 1.500 persoas, e que ten por obxectivo dar a coñecer tanto o traballo que está a realizar a institución como a riqueza patrimonial e paisaxística de nosa provincia. Nesta primeira tempada de Km0 tamén están inscritos alumnos doutros nove centros educativos da provincia: os CEIP Rosalía de Castro, Meira, Castroverde, San Xoán de Becerreá, Taboada e Bretoña, os colexios María Auxiliadora e Divino Maestro e o IES de Quiroga. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes no Salón de Actos a 25 alumnos de 5º de Primaria e a dous mestres do Colexio da Asunción de Sarria. Gómez Besteiro destacou ante os rapaces “a importancia que ten o medio ambiente na nosa provincia, polo que é necesario que o coidemos entre todos”. Subliñou que 5.500 quilómetros cadrados, dos 10.000 que ten a provincia, son Reserva da Biosfera, “uns espazos que hai que protexer”. Todos os nenos, que se amosaron moi participativos e que ó remate da recepción recibiron cadansúa lambetada, estaban por primeira vez na sede da Deputación, algo que foi destacado polo máximo responsable provincial. Pola súa banda, os rapaces amosaron a súa satisfacción por ser os primeiros alumnos en participar en Km0. Das 88 rutas incluídas en Km0, o colexio de Sarria elexiu a da Vía Romana XIX. Antes da recepción, coñeceron a Ínsua de Burneiros e a Casa Grande da Fervenza e despois desprazáronse ata Pedrafita. Neste Concello da Montaña visitaron a fábrica de queixos do Cebreiro, percorreron a pé un treito da Vía Romana XIX ata Xestoso e visitaron o Castelo de Doiras. Mañá participará en Km0 un segundo grupo de alumnos do colexio A Nosa Señora da Asunción, que farán o mesmo percorrido que os seus compañeiros. Polo que se refire ó xoves, un grupo de 55 solicitantes individuais visitarán o Centro de Artesanía e Deseño, a fábrica de cerámica de Sargadelos e o Real Padroado e farán un percorrido polo paseo dos Namorados, no Concello de Cervo.