Deputación de Lugo

A Deputación axiliza a posta en marcha do proxecto LugO2 no que se invisten 5 millóns de euros

Imaxe deputación de lugo
O Asesor do organismo provincial en cuestións medioambientais destaca a aposta da institución polo desenvolvemento sostible

Rodríguez Coello participou no acto de clausura do XXXVIII Curso de Saúde Ambiental presidido pola Deputada de Economía, Regina Polín A aposta da Deputación de Lugo polo desenvolvemento sostible a través de proxectos como o LugO2, que supoñerá un investimento de 5 millóns de euros, foi destacada polo Asesor da institución provincial en materia medioambiental, José Rodríguez Coello, no acto de clausura do XXXVIII Curso de Saúde Ambiental que presidiu este venres a Deputada da Área de Economía e Acaldesa de Guitiriz, Regina Polín, na Escola Habanera desta localidade. Rodríguez Coello lembrou que “o medio ambiente é un dos eixos estratéxicos da Deputación e con este ambicioso proxecto o organismo provincial pretende fomentar os principios de desenvolvemento sostible, conciliando de forma eficaz os obxectivos económicos, sociais e ambientais, e axudar a conseguir os mellores resultados”. O experto en Medio Ambiente dixo que “na Deputación entendemos que este desenvolvemento se consigue no día a día, pois pensamos nun desenvolvemento non só baseado no simple crecemento do Producto Interior Bruto senon que optamos por decisións que leven a unhas condicións de vida dignas, sen renunciar ó noso ineluduble compromiso co contorno”. Na súa intervención avanzou que “estamos na fase da posta en marcha do LugO2 que se desenvolverá ó longo deste ano e de 2010”. Dixo que se trata “dun proxecto para o desenvolvemento endóxeno dos municipios incluídos nos espazos naturais protexidos da nosa provincia mediante a posta en valor dos recursos naturais dispoñibles e a sensibilización medioambiental tanto dos habitantes da provincia como das persoas que nos visiten”. Entre os obxectivos deste proxecto europeo, José Rodríguez Coello destacou a creación de empresas e empregos relacionados co Medio Ambiente e os recursos naturais, o fomento do turismo sostible, a sensibilización medioambiental, o aumento de posibilidades profesionais ós nosos titulados e o fomento das novas tecnoloxías. O experto medioambiental fixo tamén un repaso polas áreas de actuación: Terras do Miño (26 Concellos); Eo-Oscos-Terras de Burón (7); Os Ancares (3 Concellos) e Serra do Courel (1 Concellos). O XXXVIII Curso de Saúde Ambiental desenvolveuse desde o pasado luns na Escola Casa Habanera de Guitiriz. Durante estes días abordáronse, entre outras cuestións, os plans de actuación da Confederación Hidrográfica do Miño-sil, a xestión dos residuos en Galicia, os novos instrumentos económicos para a protección ambiental e rede galega de Concellos pola Sostibilidade: implantación da Axenda 21 no Concello de Guitiriz.