Deputación de Lugo

A Deputación promociona a raza Rubia Galega coa primeira degustación deste produto no San Froilán

Imaxe deputación de lugo
Segundo datos de Protección Civil, a cita gastronómica congregou a 2.500 persoas na Praza de Santa María

Gómez Besteiro destaca a aposta do organismo provincial polo sector gandeiro e indica que “coa degustación promociamos un produto lucense de calidade, incrementando o seu prestixio no mercado” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto co Deputado de Gandeiría, José María Arias, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou na primeira degustación de carne Raza Rubia Galega que se celebrou este mércores na Praza de Santa María, e que se inclúe dentro da programación de San Froilán. Gómez Besteiro salientou que “con esta cita gastronómica, froito dun convenio de colaboración entre o organismo provincial e ACRUGA, ponse en valor un produto de calidade propio de Lugo”. Segundo datos de Protección Civil, a degustación congregou a 2.500 persoas na Praza de Santa María. O titular provincial explicou que “esta degustación ten lugar durante os festexos de San Froilán, onde a cidade recibe a milleiros de visitantes, co obxectivo de que máis xente coñeza o que se produce na provincia. Así, contribuímos a que se incremente o merecido prestixio da carne Raza Rubia Galega no mercado”. Durante esta cita gastronómica, repartíronse preto de 1.000 quilos deste produto que se levaron xa preparados. A semana pasada, a Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega sacrificou 4 novillas. O produto estivo varios días en cámaras de conservación para garantir que a carne estivese máis tenra e zumarrenta. O Presidente do organismo provincial apuntou que Lugo é a provincia galega co maior número de produtores de carne de Raza Rubia Galega. “Eles son parte esencial do motor da economía da provincia. Dende Deputación estamos a traballar para potenciar o sector gandeiro con iniciativas coma esta e coma o Centro de Recría que construiremos o vindeiro ano na Granxa Gayoso-Castro”. Aposta pola sector gandeiro A Deputación de Lugo investirá 8,5 millóns de euros na creación do primeiro centro de recría público de España que triplicará a capacidade dos 14 xa existentes en Galicia, xa que terá unha capacidade para 3.000 novillas. Na actualidade, na Granxa Gayoso-Castro existe un Centro de Recría de Raza Rubia Galega, que dispón de 200 novillas que foron adquiridas por ACRUGA. Gómez Besteiro salientou que “co Centro de Recría, o proxecto máis revolucionario levado a cabo nas últimas décadas en Galicia, os gandeiros poderán aumentar a súa produción e reducir custes, xa que por cada animal criado nestas instalacións, poderán aforrar entre 200 e 300 euros”.