Deputación de Lugo

Km0 desprázase por primeira vez ás Lagoas de Cospeito e ó Museo da Prehistoria de Vilalba

Veciños de Lugo, Guitiriz e Bóveda participan esta semana no programa de visistas institucionais da Deputación

O Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, o Paseo dos Namorados, en Cervo, e as Lagoas de Cospeito son os destinos das rutas incluídas esta semana no programa de visitas institucionais e medioambientais Km0 que promove a Deputación, e nas que participarán veciños de Lugo, Bóveda e Guitiriz. Un grupo formado por membros das Aulas da Terceira idade de Lugo e de solicitantes individuais foron recibidos este martes no Pazo de San Marcos onde se lles explicou a finalidade deste programa, que é dar a coñecer a provincia, así como o traballo que está a desenvolver a institución provincial e, ó mesmo tempo, promocionar ó pequeno e mediano empresariado. Os participantes de hoxe percorreron as instalacións da Granxa Gayoso Castro e a continuación desprazáronse á comarca de Lemos para visitar o Pazo de Tor e o Museo do Ferrocarril de Monforte e dar un paseo polos xardíns da Compañía e do río Cabe. Mañá mércores a ruta elexida é a do Paseo dos Namorados, no Concello de Cervo. Despois de ser recibido na Deputación, o grupo da Asociación de Mulleres Rurais “A Landra”, do Concello de Bóveda, coñecerá o Centro de Artesanía e Deseño e, xa na Mariña, visitará a Fábrica de Cerámica de Sargadelos e o Real Padroado e tamén percorrerá o Paseo dos Namorados O xoves Km0 achegarase á Terra Chá. Veciños do Concello de Guitiriz visitarán o Centro de Olería de Bonxe e a continuación farán un percorrido polo contorno das Lagoas de Cospeito. Ademais visitarán a Torrre de Vilaxoán de Caldaloba, o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía en Vilalba e unha queixería da capital da comarca.