Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras da nova Casa Consistorial de Fonsagrada, unha das máis antigas da provincia

A nova infraestrutura, que conta cun investimento de 850.000 euros, terá unha superficie de 785 m2, distribuídos en tres prantas útiles e unha baixo cubertaSituarase na Praza do Museo, polo que contribuirá a mellorar a imaxe da Fonsagrada, xunto a residencia da 3ª idade que tamén construirá a Deputación nas inmediacións do lugarAdemais de Fonsagrada, 3 Concellos máis recibiron hoxe os equipos informáticos para consolidar a eadministración, polo que a Deputación xa concluíu a distribución en 34 dos 50 municipios adheridos ó Innova-TE Logo da petición realizada polo Alcalde de Negueira de Muñiz, o organismo provincial aprobará a vindeira semana a contratación dun pantalán na área recreativa da Virxe da Veiga (Pódense ver imaxes da visita de Besteiro a Negueira de Muñiz aquí)

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este venres ata a Fonsagrada onde o organismo provincial iniciou hoxe as obras de construción da nova Casa Consistorial. Trátase dunha actuación, que se inclúe dentro do convenio de 1 millón de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública, e moi demandada polos veciños, xa que é unha das máis antigas e máis pequena da provincia, ó contar con máis de 150 anos de existencia. Gómez Besteiro destacou que “por fin os 40 traballadores deste Concello e o seu Alcalde poderán prestar un servizo en condicións ós máis de 4.600 veciños cos que conta Fonsagrada. Este novo investimento, xunto co polideportivo que faremos dentro deste plan, supón un novo apunte sobre a dignidade dun Concello que é o máis extenso de Lugo e un referente na comarca”.

En total, o organismo provincial investirá nesta actuación 850.000 euros. Sitúase nunha parcela duns 1.070 metros cadrados, dos que 785 estarán ocupados pola infraestrutura. Disporá de tres prantas útiles: unha baixa de 279 m2, a primeira de 202, a segunda de 95 e unha baixa cuberta de 69 metros cadrados. Neste senso, o Alcalde deste municipio amosou a súa satisfacción polo comezo dos traballos, que teñen un prazo de execución de 8 meses, xa que “agora poderemos actuar con máis eficacia de cara ó cidadán e prestar un mellor servizo público. Sentímonos moi limitidos porque a actual non ten ningunha amplitude. Ademais, unha persoa con dificultades de mobilidade tería moitos problemas para poder acceder a ela”.

Unha nova cara da Fonsagrada

A nova Casa Consistorial situarase na Praza do Museo, polo que a parte de mellorar o servizo que presta na actualidade ós veciños, tamén contribuirá a poñer en valor unha das zonas máis importantes do núcleo urbano e amosará unha nova imaxe deste municipio, que se completará con outras actuacións que xa existen na actualidade como é o centro museístico, o parque A Portela e, por outro, a residencia da terceira idade que construirá SUPLUSA no actual edificio da Fundación Rois de la Pena, situado nas inmediacións de dita praza. O organismo dependente da Deputación inviste 2,1 millóns de euros na construción desta infraestrutura que será adxudicada este mes.

Equipos informáticos para a administración electrónica

O Presidente tamén entregou ó Alcalde da Fonsagrada o equipamento informático que lle proporciona o Innova-TE ó Concello de maneira totalmente gratuíta para consolidar o despregue da Administración Electrónica. O material está composto por 5 ordenadores de sobremesa, 2 portátiles, 2 impresoras, 1 servidor e unha pantalla multimedia de información. Na xornada de hoxe, o equipo do programa tecnolóxicto tamén entregou e instalou os equipos nos consistorios de Negueira de Muñiz (2 portátiles, 1 impresora, 1 servidor e 1 pantalla), Sarria (10 ordenadores de sobremesa, 2 portátiles, 3 impresoras e 1 pantalla) e Paradela (1 ordenador de sobremesa, 2 portátiles, 1 servidor e 1 pantalla). Con A Fonsagrada e estas tres localidades, a distribución xa se fixo en 43 dos 50 concellos adheridos ó proxecto.

Coa financiación dun 70% aportada pola UE, a Deputación mercou exactamente aqueles equipos que, segundo unha auditoría previa, eran estritamente necesarios nos Concellos para garantir a implantación total e eficaz da e-Administración. O conxunto do material é o seguinte: 136 ordenadores, 102 portátiles, 42 impresoras, 33 servidores e 50 pantallas multimedia de información.

Un novo pantalán en Negueira de Muñiz

Gómez Besteiro tamén aproveitou a visita á Montaña para visitar os terreos nos que a Deputación construirá unha novo pantalán que permita o amarre en condicións de seguridade para pequenas embarcacións, tanto recreativas como de pesca, transporte, etc. Para isto, a vindeira semana contratará a infraestrutura que se emprazará nas inmediacións da área recreativa da Virxe da Veiga, e para a que o organismo provincial achegará 160.000 euros.

Tal e como explicou o Alcalde deste municio, José Manuel Braña, esta era unha prioridade que tiña este Concello, xa que no futuro tamén podería dar servizo a unha embarcación turística tipo catamarán, semellante ás empregadas nos Cañóns do Sil. A tipoloxía do pantalán que se construirá será de 1 módulo de aluminio flotante de 3 metros de anchura con laterais de 12 metros de longo. Será o sétimo pantalán que terá a Deputación, e que se engade ós dos Peares, Belesar pobo e Belesar presa, Os Robles, Portomarín e Doade. En total, nos últimos catro anos un total de 20.276 persoas participaron nas distintas rutas que ofrecen os catamaráns da Deputación.