Deputación de Lugo

Máis de 20 empresas e organismos interésanse polas axudas do Goberno central para novas tecnoloxías

Participaron na xornada que organizou a Deputación para informar do Plan Avanza 2, destinado a favorecer a través das TIC o incremento da competitividade e a produtividade, recortar custes e xerar novas ideas empresariaisO programa do Ministerio de Industria está dotado de 682 millóns de euros e del pódense beneficiar empresas, organizacións empresariais e entidades sen ánimo de lucro

Representantes de 22 empresas e institucións da provincia asistiron este martes á xornada informativa que a Deputación de Lugo organizou para dar a coñecer as axudas que o Goberno Central concederá a través do Plan Avanza 2, encamiñadas a impulsalas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). O organismo provincial quixo favorecer deste xeito que o tecido empresarial teña cumprida información ó respecto para que se poida beneficiar do programa, dotado con máis de 682 millóns de euros. Coa iniciativa tamén se tratou de promover os contactos e as relacións entre as empresas de Lugo.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo pretende coa posta en marcha do Plan Avanza 2 contribuír ó cambio de modelo económico en España a través das TIC, pois estas tecnoloxías xeran un incremento da competitividade e a produtividade, axudan a recortar custes e constitúen un bo instrumento para materializar novas ideas empresariais.

Na xornada de hoxe, a Deputación -que organizou a sesión a través do Centro de Innovación Social In Lugo e do centro de asesoramento empresarial Innova Empresa- expuxo que Industria concederá a través deste programa subvencións e/ou préstamos (neste último caso a un interese do 1,19%) para desenvolver accións e proxectos cos seguintes obxectivos: incrementar o uso avanzado de servizos dixitais, desenrolar as capacidades tecnolóxicas do sector TIC, promover a incorporación das tecnoloxías da información nas empresas, fortalecer o sector de contidos dixitais e desenvolver as TIC verdes.

A maior parte do orzamento da convocatoria de axudas, publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) o 30 de marzo, está destinado a programas nos que teñen un papel protagonista as Pequenas e Medianas Empresas (Pemes), un 150% máis ca en 2010.

Máis actividades de In Lugo

O Centro de Innovación Social segue coa súa programación de actividades para achegar as novas tecnoloxías á sociedade lucense, contribuíndo así a eliminar a fenda dixital, fomentar o envellecemento activo e impedir o illamento dos veciños da provincia. Esta semana continúa na Fonsagrada o curso itinerante de fotografía dixital, no que participan 14 persoas e que se impartirá hasta este venres, de 19:00 a 21:00 horas. No núcleo de Xustás, en Cospeito, desenvolvéronse tamén entre o luns e hoxe mércores unhas xornadas sobre iniciación á informática, ás que asistiron 8 persoas.

Pola súa banda, nas instalacións de In Lugo ofrécense ó longo desta semana catro obradoiros: de ofimática básica, con 13 inscritos; alfabetización informática, con 16 participantes; para aprender a usar o teléfono móbil, no que se anotaron 8 persoas; e “Lembranza Fotográfica”, no que os 5 asistentes elaborarán o seu propio blog con fotos antigas e actuais. Ademais, o sábado seguen as xornadas que mostran a empresarios e emprendedores como posicionar os seus negocios nas redes sociais. Contan con 20 participantes e terán lugar de 10:00 a 14:00 horas.