Deputación de Lugo

080411 Nominados ós Mestre Mateo comparten experiencias cos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo

Os estudantes do centro, dependente da Deputación, participaron este venres no Pazo de San Marcos nunha mesa redonda cos aspirantes ós premios na categoría de realizaciónA iniciativa forma parte do programa Encontros, organizado pola Academia Galega do Audiovisual como preámbulo á gala de entrega dos galardóns, que se celebrará o 17 de abril en Ourense

O alumnado da Escola de Imaxe e Son de Lugo, dependente da Deputación, participou este venres no programa Encontros, organizado pola Academia Galega do Audiovisual como preámbulo á gala de entrega dos Premios Mestre Mateo 2010. A iniciativa ten como obxectivo achegar os traballos e profesionais do sector audiovisual ós estudantes das escolas de imaxe e comunicación existentes na comunidade galega mediante a exhibición de producións que optan ós Mestre Mateo e da organización de mesas redondas nas que participan integrantes deses traballos de cine e televisión. O ciclo desenvolveuse dende principios desta semana en Ourense, Santiago, Vigo e A Coruña, e pechouse hoxe na capital lucense.

No caso do encontro de Lugo, celebrado esta mañá no salón de actos do organismo provincial, participaron como poñentes os nominados na categoría de realizadores: Manuel A. Espiñeira, pola serie “Padre Casares”; Txabi Mira e Miguel Corujo, por “Spot Turgalicia”, e X.A. Moure, por “Hai que mollarse”. Estes catro profesionais compartiron as súas experiencias e coñecementos cos alumnos da Escola de Imaxe e Son, que depende da Fundación TIC e é a única deste tipo na provincia. O funcionamento da escola, cuxa matrícula é ademais gratuíta, evita que os mozos que desexan formarse nesta especialidade profesional se vaian fóra.
A Academia Galega do Audiovisual entrega cada ano, dende o 2002, os Premios Mestre Mateo co fin de fomentar o cine e a televisión, incluíndo a publicidade, que se realiza en Galicia. O certame, que chega á súa novena edición, toma o nome do autor da maior parte do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Os gañadores deste ano coñeceranse na gala que se celebrará no Auditorio Municipal de Ourense o próximo 17 de abril e que estará conducida polo popular actor Xosé Antonio Touriñán e a xornalista Belén Regueira.