Deputación de Lugo

A Deputación asume a redacción do proxecto da residencia da 3ª idade de Becerreá ante o incumprimento da Xunta

Concluído este proceso, o organismo provincial porá a disposición da administración autonómica o documento para que esta cumpra coa palabra dada en 2009 ós veciños da MontañaTrátase dunha infraestrutura moi demandada, xa que máis de 1.120 persoas son maiores de 65 anos, o que supón máis do 33% da poboación sen contar o resto da comarcaA reivindicación remóntase a hai 29 anos, cando o Concello cedeu á Xunta unha finca de 1.200 m2 para a súa construción, pero que nunca se executouGómez Besteiro confirma que esta mesma semana adxudicaranse as obras das de Castroverde, Trabada e Pol

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, anunciou este martes durante a visita realizada a este municipio que o organismo provincial redactará o proxecto da residencia da terceira idade e centro de día que a Xunta de Galicia tiña previsto construír neste municipio e que daría servizo a toda a Comarca dos Ancares, na que se sitúa este Concello. Gómez Besteiro subliñou que a Deputación adoptou este acordo ante o incumprimento do anuncio realizado polo Presidente da administración autonómica pouco antes dos comicios electorais de 2009. Naquela data Alberto Núñez Feijóo asegurou publicamente que o Executivo Galego executaría esta infraestrutura coa que se prestaría un servizo moi demandado polos veciños, xa que na Montaña é onde residen o maior número de persoas maiores da provincia.

Previamente e en aras de evitar que este Concello e esta comarca quedase discriminada, o Pleno da Deputación aprobou por unanimidade a proposta do equipo de goberno para instar á Xunta a iniciar a construción desta infraestrutura que, xunto coa de Fonsagrada, foron reclamadas en varias ocasións polos respectivos Alcaldes a través de distintos acordos municipais. A este respecto, o Presidente subliñou que “en Fonsagrada a Xunta fixo o proxecto e nós asumimos a construción e aquí actuamos á inversa. Os dous Concellos son cabeceiras de comarca. A Deputación fará de acordo coa entidade local proxecto, así que agardamos que á Xunta se lle acaben as desculpas: primeiro porque queremos que Becerreá debe ter este servizo, segundo porque o pobo quere esta infraestrutura, terceiro porque a acordamos por unanimidade no Pleno esta colaboración e, cuarto, porque a Xunta non pode darlle as costas a esta comarca e a este municipio por moito que non sexa da súa cor política”.

O organismo provincial realizará un gran esforzo inversor para a redacción do proxecto desta residencia que terá unha capacidade de máis de 100 prazas, e que se situará nos terreos da antiga casa-escola, moi preto da rúa Ancares, aínda que o Concello está disposto a cambiar o emprazamento se a administración autonómica o solicitase co obxectivo de que a infraestrutura sexa unha realidade canto antes. Concluído este proceso, a institución que preside Gómez Besteiro porá a disposición do Executivo galego, que é o que ten plenas competencias na materia, “o documento para que esta cumpra coa palabra dada dende hai case 30 anos ós veciños de Becerreá”, tal e como destacou o rexedor municipal. A este respecto, Martínez subliñou que “incluso o señor Feijoo no mitin antes das autonómicas comprometeuse con esta comarca pero o que fixo foi enganar ós veciños. Ademais, esta colaboración permitiralle á Xunta aforrar os cartos da redacción do proxecto. Somos a única comarca que non dispoñemos de residencia, polo que é de xustiza que cumpran a súa palabra que empeñaron ano tras ano ”.

Un servizo moi demandado

Na actualidade, Becerreá conta con máis de 1.120 persoas maiores de 65 anos, o que supón máis do 33% da poboación sen contar o resto da comarca, polo que a residencia da terceira idade é unha demanda histórica. A súa reivindicación remóntase a hai 29 anos, concretamente a 1.983, ano que o Concello cedeu ó goberno autonómico unha finca de 1.200 metros cadrados de superficie para a súa construción. Este proceso chegou á fase de adxudicación, pero nunca se executou, xa que neste terreos creouse un centro de servizos sociais que en 1997 foi transferido ó Concello. Deste xeito, Becerreá é a única cabeceira de comarca que non dispón dunha infraestrutura destas características.

Galicia sitúase á cola do Estado en servizos e prazas para atender á poboación da terceira idade. Segundo os datos proporcionados pola Sociedade de Xerontoloxía, quen indica que para cumprir coas propostas da Organización Mundial de Saúde, a nosa Comunidade tería que dispoñer de 15.000 prazas máis en residencias. A OMS establece que a recomendación mínima, en función do elevado nivel de avellentamento da poboación galega, debería contar cunha oferta ampla en 6.000 novas camas antes de 2015, xa que coas existentes non se alcanzaría o ratio de 5 prazas indicada por cada 100 persoas maiores de 65 anos, senón o 3,5%. Deste xeito, Galicia é a segunda comunidade autónoma española coa peor ratio de prazas cun 2,5%, tan só seguida de Ceuta cun 1,8%.

Situación actual

Ademais, de Becerreá e Fonsagrada a Deputación avanza no proceso para a construción das outras residencias e centros de día que se sitúan en distintos Concellos da provincia. A este respecto, Gómez Besteiro confirmou que se adxudicarán as obras das de Castroverde, Trabada e Pol. A continuación, serán contratadas as de Guitiriz, Pedrafita e Meira para logo facer o mesmo coa de Ribas de Sil. Asimesmo, o organismo provincial, logo da aprobación da adquisición dos terreos, xa está a redactar os proxectos para a construción das infraestruturas de Saviñao e Navia de Suarna. No caso do Concello de Pobra de Brollón, a Deputación xa aprobou o convenio do centro da 3º idade, respaldado polo Pleno cun orzamento de 1,2 millóns de euros e, na de Riotorto, estase pendente de que a entidade local adquira os terreos. En total, xunto coa subvención de 120.000 euros para rematar as obras da residencia de Monterroso, a Deputación inviste 15.550.000 euros en 13 novos centros para maiores.