Deputación de Lugo

A Deputación aproba máis de 30 actuacións en todas as zonas da provincia por valor de máis de 5 M€

Benefician a máis de 200.000 veciños de 17 Concellos, e a maior parte corresponden a obras coas que o organismo provincial contribuirá a manter máis dun cento de empregos e seguirá aumentando a obra pública na provinciaAntonio Gato subliña que é unha das máis cuantiosas de todas as celebradas dende que o actual equipo de goberno chegou á Deputación en 2007, o que demostra o alto grao de xestión alcanzado nos primeiros catro anos

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este xoves 32 actuacións nas que están representadas todas as zonas da provincia, e que suman preto de 5 millón de euros e benefician a máis de 200.000 veciños de 17 municipios. Antonio Gato subliñou que é unha das máis cuantiosas de todas as celebradas dende que o actual equipo de goberno chegou á Deputación en 2007, o que demostra o alto grao de xestión alcanzado nos primeiros catro anos. Neste senso, o voceiro provincial socialista destacou que moitos dos asuntos aprobados corresponden a obras que se executarán en distintos municipios, polo que o organismo provincial seguirá sendo a única administración que mantén a obra pública e crea emprego na provincia. Só coas obras que aprobadas hoxe polas distintas áreas da Deputación a institución que preside dará traballo a máis de 100 persoas.

Polo que respecta á Montaña, ademais da asistencia técnica para a redacción do proxecto da residencia da terceira idade e centro de día de Becerreá por valor de 102.660 euros, neste mesmo municipio tamén se adxudicou o acondicionamento de varias vías municipais dentro do convenio de 1 millón de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública. En total, investiranse 671.787 euros na mellora con aglomerado en quente, porque dura máis tempo, dos accesos a 18 núcleos rurais: Fontes, Tucende, Valiña, Cabanas, A Pedrelada, Curro, Caldoval, Foncoba, Fontarón, Sarceada, Vilar de Frades, Venta, Cruzul, Bullán, Murias, Donín, Saa e Cadoalla. En Fonsagrada, aprobouse o convenio con este Concello para o financiamento dos gastos derivados da adquisición dun camión para rego das estradas. Neste caso, a subvención que se destina é de 18.220 euros.

Na Mariña, tamén se adxudicaron tres novas obras do convenio do Plan Extraordinario de Obra Pública de Viveiro por valor de 277.301 euros. Trátase dos saneamentos e abastecementos nas localidades de Caseira, Pallaregas, Granxa e Trasposta, así como da urbanización do barrio do Paraíso.

En Burela, a mellora do alumeado público da Avenida Arcadio Pardiñas por importe de 206.139 euros e, en Foz, aprobouse o convenio con este Concello, a través do cal a Deputación achega 20.000 euros para levar a cabo iniciativas para a potenciación do municipio.

Na Zona centro:

a) En Lugo, aprobouse o convenio coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), a través do cal a Deputación achega 70.000 euros para o financiamento das distintas actividades que esta asociación está a levar a cabo por toda a provincia para prestar atención ás familias con discapacitados. Asimesmo, deuse o visto e prace á encomenda de xestión a SUPLUSA para o mantemento da Escola de Piragüismo.

Zona sur:

a) En Monforte de Lemos, a Deputación financiará os gastos derivados da contratación dos 4 bombeiros interinos ata que o parque se integre no Consorcio. A cantidade destinada a este fin é de 130.000 euros co que se garante que estes profesionais cobren a súa nómina dende o mes de xaneiro a outubro.

Cumprido o obxectivo de poñer en marcha a principios de mes o resto dos parques a vindeira semana celebraremos o Pleno do Consorcio no que intentaremos negociar coa Xunta para garantizar a cobertura a aquelas zonas da provincia que hoxe quedan sen cobertura como a Montaña e a Ulloa. Unha vez máis quero lembrar que a Deputación está disposta a asumir o 50% do custe, se a Xunta aporta o 50 restante. Para este municipio, tamén se concedeu a subvención de 150.000 euros para a reforma da pista deportiva municipal e 84.700 para o equipamento do centro da terceira idade.

b) En Taboada: adxudicouse o acondicionamento da estrada que vai das Neves a Xián en Taboada, dentro do canon deste ano. Nesta obra, que xa está en construción, investimos 132.160 euros.

Comarca da Ulloa:

En Monterroso, aprobouse o protocolo para o financiamento da construción da nova Casa Consitorial. A esta actuación adicaranse 800.000 euros, saldando unha débeda histórica que tiña este municipio, xa que o edificio actual é un dos máis obsoletos da provincia. “Tan só ten 40 metros cadrados; unha superficie que non é suficiente para que os traballadores poidan prestar un bo servizo os veciños”, apuntou Antonio Gato.

Zona da Terra Chá: deuse o visto e prace o convenio co Concello de Guitiriz, a través do que o organismo provincial destina 23.500 euros para a instalación dunha caseta no polígono industrial que será a futura sede da Asociación de Empresarios do Polígono. Esta iniciativa súmase a outras levadas a cabo neste municipio para favorecer o asentamento de empresas e a creación de novos postos de traballo. É o caso das medidas que se levarán a cabo para ampliación do polígono de Pardiñas, da colaboración para a creación dun centro loxísticos de transportes e da creación do primeiro viveiro de empresas rural de Lugo que se instalará tamén no polígono de Guitiriz.