Besteiro firma convenios por valor de 152.000 euros con 8 colectivos do Courel para a dotación e mellora de servizos
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_5125_1.jpg)
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, asinou este martes no Courel cos representantes de 8 colectivos da localidade convenios por un valor global de 152.000 euros destinados á dotación e mellora de servizos e infraestruturas básicas demandadas polos veciños. Deste xeito, coa achega económica do organismo provincial acometeranse 9 proxectos, entre os que figuran o acondicionamento e arranxo de pistas, pontes, unha traída de auga e rutas de sendeirismo, ademais da creación da primeira rede wifi da localidade. Gómez Besteiro destacou que estas axudas permiten facer pequenas obras, pero que sen embargo non se poderían levar a cabo sen as axudas da Deputación. O Presidente Provincial subliñou así mesmo o gran esforzo inversor realizado pola institución que dirixe, pois en 7 das 9 actuacións, aporta o 100% do orzamento necesario.
As agrupacións beneficiarias son catro comunidades de montes, unha asociación de veciños e outra de cazadores, unha agrupación xuvenil e a de comerciantes do municipio, das que forman parte en total ó redor de 400 persoas.
Na sinatura dos acordos, celebrada na Aula de Interpretación da Natureza posta en marcha no marco do plan Lug02, promovido pola Deputación con fondos europeos- estiveron presentes Avelino Feliciano López Marcos, da Sociedade Deportiva de Cazadores Courel Alto; Óscar Carrete Lage, da Asociación Buraca das Grellas; Ana Carrasco Pérez, da Comunidade de Montes de Ferreirós; Manuel Álvarez Rivera, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Froxán; Antonio Santín Páez, da Comunidade de Montes de Meiraos; José Antonio Rodríguez, da Asociación de Veciños de Mostaz; María Esther Martínez Casanova, do colectivo Monte Veciñal de Mans Comúns de Seceda; e Manuel Vázquez Torrón, da Asociación Serra do Courel, ademais do portavoz socialista no municipio courelés, José López Fontal.
O contido dos convenios
Os convenios firmados son os seguintes:
- Sociedade Deportiva de Cazadores Courel Alto: A Deputación aporta 9.000 euros, o 100% do orzamento necesario, para levar a cabo a roza e limpeza de sendeiros e camiños no monte, e unha semente de cereal.
- Asociación Buraca das Grellas de Teixeira: A subvención outorgada a este colectivo xuvenil é dun total de 17.000 euros para desenvolver dous proxectos. Por un lado, recibirá 13.000 euros, dos 50.000 precisos, para o acondicionamento, ensanche e pavimentación dun camiño veciñal no lugar de Teixeira. Por outra banda, contará con 4.000 euros, a totalidade do orzamento necesario, para a creación dunha rede wi fi.
- Comunidade de Montes de Ferreirós: A Deputación aporta os 18.000 euros precisos para o arranxo de tres pontes: De Arroxa, Veiga de Agulla e Dos Corgos.
- Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Froxán: Disporá de 18.000 euros, o 100% do orzamento necesario, co fin de arranxar as conexións da traída de augas coas súas correspondentes arquetas, e acondicionar os camiños do contorno do pobo.
- Comunidade de Montes da parte alta do lugar de Meiraos: Recibirá 21.000 dos 25.000 euros precisos para a pavimentación deste núcleo.
- Asociación de Veciños de Mostaz: O organismo provincial outórgalle o total da inversión -44.000 euros- para o acondicionamento, ensanche e pavimentación do denominado Camiño de Fumayor, e os peches das fincas lindeiras.
- Monte Veciñal de Mans Comúns de Seceda: A Deputación aporta os 16.000 euros necesarios para o arranxo do muro de contención da estrada deste núcleo.
- Asociación Serra do Courel: A agrupación de comerciantes do municipio recibirá unha subvención de 9.000 euros para mellorar a sinalización de seis rutas de sendeirismo e crear unha nova.