Deputación de Lugo

20 nenos cobren as prazas dispoñibles para as primeiras actividades gratuítas do Ludo TIC

Cativos de entre 6 e 12 anos participan nas xornadas sobre as novas tecnoloxías que acolle o In Lugo da Deputación esta semana: “Mañá de verán” e “Aprendemos xogando” Para participar na programación que arrancou hoxe e se prolongará ata o 26 de agosto só e preciso enviar un email a inlugo@deputacionlugo.org ou chamar ó 982 22 51 86

20 cativos de entre 6 e 12 anos enchen a cota de prazas dispoñibles para as primeiras actividades do Ludo TIC. Son “Mañá de verán”, que arrancou hoxe e continuará o mércores, e “Aprendemos xogando”, que se celebrará o martes e o xoves. E é que a Deputación comezou de xeito exitoso este luns a desenvolver a programación totalmente gratuíta que achega as novas tecnoloxías ós nenos.

A iniciativa, promovida dende o 1º Centro de Innovación Social en Galicia (In Lugo) posto en marcha pola institución provincial mediante o cofinanciado nun 88,9% do Plan Avanza do Ministerio de Industria, prolongarase ata o 26 de agosto. Por iso, todos os interesados poden formular a súa solicitude a través do correo electrónico inlugo@deputacionlugo.org, ou chamando ó número de teléfono 982 22 51 86. O número de prazas por cada actividade é de 10 persoas co fin de conseguir que a participación sexa o máis efectiva posible.

As actividades, que se desenvolven no propio “In Lugo” emprazado no segundo andar da Escola de Imaxe e Son, situada na rúa Frei Prácido Rei Lemos da capital lucense, son as seguintes:

- “Tarxetas de felicitación”. Os participantes inscritos realizarán tarxetas de felicitación personalizadas a través de internet e do procesador de textos, conseguindo deste xeito que se introduzan de forma lúdica e divertida no uso das novas tecnoloxías. Impartirase os luns.

- “Aprendemos xogando”. Este curso está divido en dúas partes, na primeira explicarase de forma divertida o uso das novas tecnoloxías, empregando a plataforma de baile, xogarase coa cámara web, e coñecerase o uso do bolígrafo dixital ou libro electrónico. Nunha segunda parte, os asistentes poderán personalizar debuxos, camisetas, gorros ou calquera prenda de vestir empregando o papel transfer (papel empregado para impresoras que permite que, logo de impreso o deseño escollido, a través dunha prancha quente, se poida pasar o debuxo á prenda desexada). Celebrarase os martes e os xoves.

- “Mañás de verán”. Neste caso, o obxectivo é que os rapaces coñezan tanto os xogos tradicionais como as últimas novidades dos videoxogos, ó mesmo tempo que aprenden valores como traballar en equipo ou o compañeirismo. Desenvolverase os luns e os mércores de cada semana.

- “Avós e netos”. Trátase dun campionato formado por parellas de avós e netos en diversos xogos tanto tradicionais como de última xeración. O obxectivo principal é achegar as novas tecnoloxías á xente maior, facendo partícipes ós máis pequenos. Impartirase os martes, mércores e xoves.

Máis cursos

Ademais desta programación, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia continúa a desenvolver a programación deseñada para este mes. Son en total 28 cursos, obradoiros e seminarios que, de xeito totalmente gratuíto, achegan as vantaxes das novas tecnoloxías ós lucenses co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida.

Pola súa banda, os interesados en tomar parte en ditas actividades do In Lugo poden informarse ou inscribirse no propio centro, en horario de 9:00 a 21:00 horas, de luns a venres; os sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, e os domingos, entre as 10:00 e as 14:00 horas; entrando na súa páxina web (www.inlugo.deputacionlugo.org) ou ben enviando un correo electrónico a inlugo@deputacionlugo.org.