Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a Feira Artesanal de Mosteiro, en Guntín, por segundo ano consecutivo

Trátase da VII edición do encontro que se celebrará o 14 de agosto e que reunirá na localidade a preto de 1000 persoas, entre visitantes e os veciños que residen nas 32 parroquias deste ConcelloEsta iniciativa, cofinanciada polo organismo provincial a través do CENTRAD, inclúese dentro da programación que desenvolve a Asociación de Amigos de Mosteiro dende hai oito anos para fomentar a actividade cultural e as manifestacións etnográficas da comarca

A Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, o Presidente da Asociación de Amigos de Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez, e a Concelleira de Guntín, Elena Martínez, presentaron este xoves a sétima edición da Feira Artesanal que se celebrará na localidade guntinesa o 14 de agosto e reunirá a preto de 1000 persoas, entre visitantes e os veciños que residente nas 32 parroquias deste Concello.

Deste xeito, por segundo ano consecutivo, a colaboración do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación fará posible o desenvolvemento do encontro, participando na cofinanciación do mesmo. O ano pasado, as xestións levadas a cabo dende o CENTRAD permitiron que a Feira contase cunha demostración da oleiría de Gundivós e, este ano, cunha exhibición deste mesmo oficio típico da localidade de Bonxe. Regina Polín subliñou que “unha ano máis, dende a Deputación quixemos apoiar este encontro porque se trata dunha actividade moi importante para a comarca. Axuda a impulsar a economía da zona e contribúe a que os oficios artesanais non desaparezan co paso do tempo. Ademais, contribúe a impulsar un patrimonio cultural tan importante para a provincia como o Mosteiro”.

Pola súa banda, o Presidente da Asociación destacou que “se trata dunha festa consolidada coa que pretendemos dous obxectivos: poñer en valor o traballo dos artesáns da comarca e favorcer a unión entre as aldeas veciñas, que nestas datas se enchen dos emigrantes que residen en Cataluña, Aragon ou Madrid”.

A cita festiva, que se celebrará diante da praza do Mosteiro, dará comezo ás 9:00 horas e rematará ás 15:00 horas cun xantar de confraternidade no que está previsto que participen unhas 160 persoas. Ademais, outro dos actractivos do programa será a demostración dunha malla tradicional e a degustación gratuíta de filloas. Nesta edición, o pregón correrá a cargo do veciño de Mosteiro, Eduardo Fernández, quen desempeña o cargo de Inspector de Educación na cidade de Coruña.


Posta en valor dos recursos culturais
Esta iniciativa inclúese dentro da programación que desenvolve ó longo do ano dita Asociación para fomentar a actividade cultural e as manifestacións etnográficas desta comarca, situada no noroeste da provincia. Deste xeito, no encontro, tamén se darán cita diferentes artesáns da bisbarra que exhibirán en vivo ancestrais oficios, como por exemplo: cesteiros, zoqueiros, carpinteiros, escultores, fabricantes de instrumentos musicais e mesmo apicultores.

A Asociación de Amigos que dirixe Carlos Vázquez conta 170 socios. Creouse en 2003 co obxectivo de poñer en valor o Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares que data da época altomedieval, concretamente da segunda metade do século IX, e que está delarado Ben de Interese Cultural. Trátase dunha das manifestacións arquitectónicas máis importantes do municipio e de toda a comarca. Proba diso é que dende 1589 e ata mediados do século XX, grazas á creación da Confraría da Nosa Señora do Rosario, Ferreira converteuse nun importante centro de peregrinación mariana de toda a comarca, chegando a acadar máis de 2.000 confrares.