Deputación de Lugo

Aberto o prazo para participar en Artesanfroilán

Imaxe deputación de lugo
Todos os artesáns interesados poden consultar as bases do concurso e descargar o formulario de inscrición dende hoxe na páxina web www.centrad.orgEstes profesionais deberán entregar a documentación requirida antes do 21 de agosto para poder expor os seus produtos dende o 5 ó 12 de outubro, durante as patronais da capital lucense, na céntrica praza Anxo Fernández GómezÓ volume de negocio, próximo ós 100.000 euros en 2010, fai que o número de solicitantes vaia en aumento. Na última convocatoria incrementouse nun 40%

O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, abriu este venres o prazo de presentación de solicitudes para participar na XIV edición de Artesanfroilán. Todos os artesáns interesados poden xa consultar as bases do concurso e descargar o formulario de inscrición na páxina web www.centrad.org. Estes profesionais deberán enviar a documentación requirida dende hoxe e ata o 21 de agosto como data límite á seguinte dirección: CENTRAD, Travesía Rúa Chantada s/n, CP-27004, Lugo.

Artesanfroilán, que terá lugar dende o 5 ata o 12 de outubro na praza Anxo Fernández Gómez, ofrece a posibilidade de que uns 25 artesáns expoñan os seus produtos. O volume de negocio acadado en edicións anteriores, próximo ós 100.000 en 2010, fai que todos os anos o número de solicitudes vai en aumento. Na última convocatoria houbo 110 peticións de profesionais de toda España e Portugal, representando un 40% máis que en 2009.

Deputación e Concello de Lugo suman esforzos e impulsan o sector ó facer coincidir a celebración desta feira coa das patronais da capital lucense garantindo, deste xeito, que miles de persoas sexan partícipes da riqueza artesanal. Coma todos os anos, a organización tamén premia con 1.000 euros ó mellor expositor. Para elo, tal e como recollen as bases do concurso feitas públicas, tense en conta o deseño do “stand”, a presentación do produto, a orixinalidade, e o esforzo por mellorar a imaxe da feira.