Deputación de Lugo

Besteiro comprométese coa modernización da Deputación renovando a súa presenza na Fundación Democracia e Goberno Local

O Presidente participou este venres en Madrid na xunta na que se renovou o padroado desta entidade tralas eleccións locais. Trátase “do foro permanente de debate máis dinámico en España para modernizalas deputacións”, subliñou Gómez Besteiro Unha vintena de entidades locais intermedias de 9 comunidades autónomas forman parte da fundación, que ten como obxectivo coordinar esforzos para mellorala cooperación e asistencia ós Concellos e mellorala eficiencia na prestación de servizos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este venres en Madrid na reunión celebrada pola Fundación Democracia e Goberno Local para renovar o seu padroado tralas eleccións de maio. Esta entidade, da que forman parte organismos provinciais, consellos insulares e cabildos de toda España, ten como obxectivo coordinar esforzos para mellorar a cooperación e asistencia ós Concellos e mellorala eficiencia na prestación de servizos. Coa renovación da presenza da institución luguesa nesta fundación, Besteiro reforza o seu compromiso coa modernización do organismo provincial, pois trátase do “foro permanente de debate máis dinámico en España para modernizar as deputacións”, subliñou o Presidente, ademais se sinalar que estar presente nesta entidade ten especial transcendencia nestes intres nos que se está a falar da reordenación do sistema competencial das entidades locais.

A Deputación de Barcelona ostenta a presidencia do padroado da Fundación Democracia e Goberno Local, integrada por 19 entidades de 9 comunidades autónomas, que se adhiren de xeito voluntario. Quince delas son deputacións de Galicia, Cataluña, Valencia, Castela-A Mancha, Estremadura, Andalucía e Aragón, os cabildos de Gran Canaria e Tenerife, e os consellos insulares de Mallorca e Menorca.