Deputación de Lugo

O artista palense Fermín del Amo cede unha escultura inspirada no Castelo de Pambre á colección do CENTRAD

A Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, recibiu a peza de mans deste creador, cuxa obra protagonizou a primeira exposición que acolleu a fortaleza de Palas nos seus sete séculos de historia e que foi posible grazas á colaboración da Deputación A cesteira Idoia Cuesta, coa que tamén colabora o Centro de Artesanía e que participou nas dúas edicións da gala Lucus Moda, recibiu unha mención especial na categoría Innova dos Premios Nacionais de Artesanía pola súa combinación de materiais

O escultor e deseñador de mobles palense Fermín del Amo entregou este xoves no seu obradoiro de Palas de Rei á Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, unha peza inspirada no Castelo de Pambre que pasará a formar parte da colección do CENTRAD. A escultura, feita de ferro e madeira de castaño e valorada en 3.000 euros, forma parte da exposición “A Caixa de Pedra” que este creador, natural de Madrid, pero “namorado de Galicia” como el mesmo se define, tivo aberta na fortaleza palense entre os pasados meses de xuño e setembro. Esta mostra foi a primeira que a fortaleza de Palas acolleu nos seus sete séculos de historia e saíu adiante grazas á colaboración do organismo provincial, que participou no financiamento da iniciativa.

Fermín del Amo traballou durante máis dun ano na elaboración das 10 pezas de ferro oxidado e madeira das que constou a exposición, coa que a Deputación se converteu na primeira administración en Galicia que pon en marcha actividades que impulsan o turismo da zona. Entre as esculturas da mostra, todas co Castelo de Pambre como referencia, destaca unha que homenaxea ós 57 canteiros que, segundo a documentación existente, traballaron na construción da fortaleza.

Corenta anos dedicados á arte

Del Amo (Madrid, 1951) desenvolve dende hai corenta anos a súa inquietude artística, centrada na escultura. A finais dos 70 tamén comeza a interesarse polo deseño de mobiliario doméstico e a iluminación de interiores. Acadaron unha gran notoriedade os seus candelabros, resultado de policromar o ferro con pintura esmaltada, logrando efectos de influencia do pop art. A mediados dos 90 deixou Madrid para trasladarse a vivir a Nombela, en Toledo, onde crea o Parque Escultórico da urbanización El Encinar, cuxas peanas foron deseñadas para ser soporte dos autores de grafitos da provincia manchega. Dende 2006 está afincado na aldea de San Mamede do Carballal, en Palas.

Premio á innovación artesá

Por outra banda, outra das artesás coas que colabora o CENTRAD, Idoia Cuesta, recibiu unha mención especial na categoría Innova dos Premios Nacionais de Artesanía polo seu traballo en cestería téxtil, combinando fibras naturais -como a lana, o algodón e o cáñamo- coas fibras vexetais máis ríxidas. Estes galardóns están promovidos pola Fundación Española para a Innovación da Artesanía (Fundesarte), que conta co respaldo do Ministerio de Industria, e constitúen a maior distinción para unha traxectoria empresarial ou institucional no ámbito da artesanía.

Idoia Cuesta é unha artesá natural do País Vasco e afincada en Lugo que chegou á artesanía fai máis dunha década por medio da investigación dos tecidos. Licenciada en Bioloxía, as súas creacións parten da tradición, pero experimentan cos materiais e os volumes para deseñar e crear novas liñas e produtos aplicables a diferentes ámbitos, como a decoración e a moda. O seu taller chámase Tejidos Vegetales. Esta cesteira foi unhas das artesás que participou nas dúas edicións da Gala Lucus Moda, mostrando as súas creacións ós centos de asistentes ó evento que contou como padriños con Francis Montesinos, na primeira edición, e Victorio&Luccino, na segunda.

Este recoñecemento súmase ó galardón outorgado polo xurado dos Premios Nacionais de Artesanía á firma vivariense Regal Cerámica na categoría de Promociona, dirixido a entidades privadas, en recoñecemento ó traballo do seu xestor, Alfonso Otero Regal. O artesán, que leva 30 anos á fronte da súa empresa, puxo en marcha o complexo cultural Regalxunqueira, que conta con museo, sala de exposicións, auditorio, biblioteca e obradoiro de artesanía. As súas pezas, que exporta na actualidade a case tódolos países de Europa, e Estados Unidos e Xapón, están á venda na plataforma de comercio electrónico losproductosdelugo.com, posta en marcha pola Deputación a través do plan europeo Innova-TE co fin de poñer en valor, difundir e mellorar a comercialización dos produtos da provincia como unha vía para revitalizala zona rural e frear a grave perda de poboación que está a padecer. Na actualidade, están adheridas 55 empresas a este primeiro centro comercial virtual, que aumenta as posibilidades de incrementar o volume de beneficios das firmas ó abrirlles novos mercados e facilitar as vendas, pois os clientes poden comprar as 24 horas do día, os 365 días do ano. Este portal non ten límite de empresas, nin de oferta de produtos.