Deputación de Lugo

A Deputación mellora a estrada de Castro de Rei á Pastoriza que beneficia a máis de 10.000 veciños

Presidente e Alcalde supervisaron as obras acometidas neste vial provincial dende a localidade de Castro de Rei e ata Reigosa coas que se mantiveron 20 postos de traballoBalado recoñece que a Deputación está a cumplir con este Concello logo de mellorar case o 80% das estradas provincias con 3,2 millóns de euros e iniciar as obras do 1ºcentro de recría público de gando en España. Besteiro salienta que “é bo que as institucións recoñezan que este con este proxecto gana toda Galicia. Todas as administracións deben sumarse” Dúas axudas de 12.500 euros para o arranxo da escola da Ponte de Outeiro, a traída de auga e a mellora dos accesos a 7 explotacións, son as últimas achegas da Deputación á maior asociación de Mulleres Rurais da provincia: A Xuntanza , composta por 300 persoas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado Teijeiro, supervisaron este mércores as obras que executou o organismo provincial entre os puntos quilométricos 3,200 e 7,330 da CP 1106, o treito comprendido entre o cruce de Xesto, por Pacios ata Reigosa. Trátase das últimas actuacións que vén de executar a institución luguesa en dita estrada provincial logo de realizar con anterioridade os traballos de acondicionamento entre os puntos quilométricos 0,000 e 3,200, así como dende o 7,330 ó 9,420. En total, a Deputación investiu 500.000 euros na mellora con aglomerado en quente de case 10 quilómetros desta vía que comunica ós municipios de Castro de Rei e A Pastoriza, e que transitan os máis de 10.000 habitantes que concentran ambos os dous Concellos da Terra Chá. Ademais, a institución cumpriu cun outro dos obxectivos do equipo de goberno: a creación de emprego xa que, só coas obras realizadas nesta estrada, mantivéronse 20 postos de traballo.

O Alcalde destacou que “teño que recoñecer que a Deputación está a cumplir co Concello de Castro de Rei no que atinxe a rede viaria provincial, ó igual que con outros proxectos como o Centro de Recría que esperamos que sexa o futuro do sector gandeiro da Terra Cha”. A este respecto, Gómez Besteiro salientou que “é bo que as institucións recoñezan que con este proxecto gana toda Galicia” e reiterou que “é preciso que se sumen todas as administracións porque a súa posta en marcha suporá beneficios para todos os veciños ó afectar directamente no PIB da Comunidade”.

Precisamente, co fin de continuar coa relación de colaboración entre Deputación e Concello de Castro de Rei que fixo posible nos últimos anos impulsar proxectos de grande envergadura para o desenvolmento socioeconómico da zona como o inicio das obras de construción do 1º centro de recría público de gando en España na Granxa Gayoso Castro, traballos nos que o organismo provincial, malia non ter as competencias en medio rural, inviste en solitario 12 millóns de euros, Besteiro e Balado aproveitaron o seu encontro para abordar as necesidades do municipio chairego.

Mellora do 80% das vías provincias

A execución dos traballos na CP 1106 era un compromiso adquirido cos veciños polo anterior Rexedor e actual Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, que acompañou a Gómez Besteiro e a Balado Teijeiro durante a visita. Estas actuacións engádense, ademais, ás realizadas noutras 7 estradas provinciais: de Castro de Rei a Reguntille; de Ponte de Outeiro a Quintela; de Couto de A, por Ansemar, a Castro Riberas de Lea e acceso a Castro de Viladonga; de Xustás a Bazar; de Feira do Monte a Castro; da LU-113 a Castro de Rei; e do acceso ó polígono industrial a Castro Riberas de Lea. Son melloras con aglomerado en quente dotadas de 3,2 millóns de euros que investiu a Deputación durante o anterior mandato cando Díaz Valiño estivo á fronte da Delegación da Rede Viaria Provincial. O Presidente subliñou que “melloramos preto do 80% das vías provinciais do Concello de Castro de Rei. Como fixemos ata o de agora, ano tras ano iremos incrementando os treitos con aglomerado en quente porque así, garantimos a seguridade dos viandantes e o mantemento dos propios viais durante máis tempo”.

Colaboración coas mulleres rurais

Gómez Besteiro mantivo, ademais, unha reunión con membros da Xuntanza que, con 300 persoas, é a maior asociación de mulleres rurais da provincia. A institución colabora con este colectivo no impulso da súa múltiple actividade. Mostra delo son as últimas actuacións que desenvolveu a Deputación e das que deu conta o titular provincial:

- Acondicionamento do exterior e dotación de calefacción da antiga escola da Ponte de Outeiro, local social desta asociación onde, precisamente, tivo lugar o encontro. A Deputación concedeu unha subvención de 6.500 euros para estes traballos, enmarcados dentro do Plan de Comunidades Veciñais de 2011.

- Traída de augas e mellora dos accesos en 7 explotacións agrarias das Mulleres Rurais. Neste caso, a axuda concedida, incluída nas subvencións do INLUDES para apoiar ó sector primario, foi de 6.000 euros.

- Celebración de obradoiros de cestería e téxtil impartido polos profesionais do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) de xeito totalmente gratuíto na antiga escola da Ponte de Outeiro, en Castro de Rei.