Deputación de Lugo

A Deputación continúa mañá en Chantada cos monólogos que organizou para difundir o uso das novas tecnoloxías no rural

Imaxe deputación de lugo
A nova sesión terá lugar ás 20:30 horas, no Telecentro chantadino, onde un informático explicará de xeito ameno e sinxelo o funcionamento e as posibilidades das TIC O organismo provincial promove estas xornadas divulgativas a través do programa europeo Parnet-TIC, que ten como obxectivo rompela fenda dixital existente na provincia

A Deputación de Lugo continuará mañá xoves en Chantada co ciclo de monólogos que organizou para difundir dun xeito atractivo o uso e posibilidades das novas tecnoloxías no medio rural. A xornada terá lugar ás 20:30 horas no Telecentro da localidade, onde un informático, o ourensano Víctor Grande, explicará de xeito ameno e sinxelo o funcionamento de tres útiles aplicacións on line que teñen como obxectivo axilizar a comunicación entre a cidadanía e as administracións locais, facilitar a participación veciñal na xestión de asuntos públicos e mellorar a prestación de servizos. A primeira destas sesións celebrouse a pasada semana no colexio público de Abadín.

A organización dos monólogos é froito dun proxecto piloto que a Deputación desenvolve nos Concellos de Abadín e Chantada a través do programa europeo Parnet-TIC co obxectivo de rompela fenda dixital existente na provincia e estender o uso das novas tecnoloxías no rural. A institución provincial optou pola fórmula do monólogo para garantir unha maior afluencia de público e polo tanto chegar ó maior número de xente posible. O programa Parnet-TIC está financiado pola Unión Europea é ten como finalidade precisamente fomentar a Sociedade da Información nas zonas rurais.

Tres útiles aplicacións on line

As ferramentas que se dan a coñecer nestas xornadas divulgativas, xa instaladas nas páxinas web dos Concellos de Abadín e Chantada, son as seguintes:

Sistema de Geoinformación, Incidencias e Avisos (SISGEO): Con esta aplicación os cidadáns poden de maneira sinxela, a través da web, comunicar incidencias na vía pública, consultar avisos e eventos, ou solicitar a recollida de residuos na súa localidade. Terán unha canle de comunicación directa co Concello, de maneira que este poderá resolver máis rápido as incidencias que se produzan no municipio.

Sistema de Consultas Electrónicas (SISCOM): A través desta ferramenta, as entidades locais poderán someter á consulta da cidadanía calquera asunto de interese público, como son as obras ou medidas tomadas ou que teña previsto adoptar, e tamén recoller propostas dos veciños sobre actuacións futuras.

Sistema de Mensaxería Electrónica (SISMS): Trátase dun sistema deseñado para axilizar a comunicación da cidadanía coa Administración local en relación cos servizos que presta. Os veciños poderán recibir información sobre cuestións municipais (avisos de apertura de inscricións, de datas de eventos, etc.) a través do teléfono móbil ou o correo electrónico, e tamén enviar mensaxes a través destes mesmos medios.

Cos monólogos, a Deputación remata as accións de divulgación destas aplicacións informáticas, desenvolvidas ó longo da última semana de outubro e consistentes en dúas xornadas que levaron por título “Xornada de Aprendizaxe. Novos servizos on line no teu Concello” e “Abre a porta on line no teu Concello”.

Polo desenvolvemento equilibrado do territorio

O Parnet-TIC é un proxecto de cooperación transnacional que ten como finalidade estender o uso das novas tecnoloxías nas zonas rurais da provincia para contribuír ó desenvolvemento equilibrado do territorio. Xunto á Deputación de Lugo, que participa a través do Instituto Lucense de Desenvolvemento Socioeconómico (INLUDES), nesta iniciativa están inmersos os organismos provinciais de Almería, A Coruña e Huesca, o Concello de Lugo, o portugués de Águeda e o francés de Ville de Pau, e a Universitaire Européen de Montpellier, tamén en Francia. O programa conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros e está integrado no programa de cooperación territorial Espacio Sudoeste 2007-2013 da UE, que pretende consolidar o sudoeste europeo como un espazo de cooperación territorial nos ámbitos da competitividade, a innovación, o medio ambiente, o desenvolvemento sostible e a ordenación espacial.