Deputación de Lugo

O obradoiro O Sapo Chosco recibe o premio que concede a Deputación ó mellor stand da feira Artesanfroilán

O Presidente provincial fixo entrega do galardón, dotado con 1.000 euros, á artesá santiaguesa Sabela Palacio, dedicada dende hai 19 anos a elaborar artigos en pasta de cerámica e cartón pedra Gómez Besteiro anunciou que técnicos da institución provincial visitarán nos próximos días ós artesáns na provincia para ofrecerlles que se adhiran á plataforma de comercio electrónico “losproductosdelugo.com”, que será potenciada con novos fondos europeosSegundo o Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, a provincia de Lugo concentra máis do 16% dos talleres artesáns que funcionan na comunidade galega, que dan emprego directo a unhas 150 persoas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entregou este martes o galardón que o organismo provincial outorga ó mellor stand de artesanía dos participantes na feira Artesanfroilán. Nesta décimo quinta edición da mostra, o premio, dotado 1.000 euros en metálico, foi parar ó obradoiro O Sapo Chosco, que destacou polo deseño do seu expositor, a presentación do produto e a orixinalidade e esforzo por mellorar a imaxe do certame. A artesá santiaguesa Sabela Palacio é a titular do taller que mereceu o recoñecemento, dedicado dende hai 19 anos á elaboración de miniaturas en pasta de cerámica e decoración en cartón pedra. O obradoiro participa en Artesanfroilán dende o ano 2007. Xunto a Besteiro, no acto estiveron a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o resto do xurado que participou na elección do stand premiado.

Gómez Besteiro indicou que a calidade e orixinalidade que ano tras ano presentan os expositores e os produtos da feira fan que cada vez “nos sexa máis difícil elixir ó merecedor deste premio” e demostran que a artesanía galega “é un referente a nivel nacional”. O Presidente garantiu o compromiso e apoio da Deputación co sector da artesanía, “seguiredes encontrando en nós uns perfectos aliados”, asegurou, xa que “somos plenamente conscientes do peso desta actividade económica na provincia, pero sobre todo das súas posibilidades de futuro, pois trátase dunha verdadeira oportunidade económica e laboral para a provincia que temos que aproveitar”. Neste senso, recordou que só a provincia de Lugo concentra máis do 16% dos talleres artesáns que funcionan na comunidade galega, segundo os datos que figuran no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Os 72 obradoiros existentes en Lugo dan emprego directo a unhas 150 persoas.

Pola súa banda, a artesá premiada gabou a feira Artesanfroilán cualificándoa como “unha das mellores de Galicia porque a exposición está moi coidada, o lugar de celebración é fermoso e as datas son moi boas”. Sabela Palacio destacou tamén o compromiso da organización, “que coida ós artesáns e se involucra moito para que todo saia ben”. En canto ó galardón, recoñeceu que é un aliciente moi importante para os artesáns, pois anímaos a esforzarse por mellorar a presentación dos produtos, ó tempo que lles axuda para acometer melloras nos seus negocios.

A Deputación abre novos camiños ós artesáns

O Presidente aproveitou para anunciar que nos próximos días técnicos do organismo provincial xirarán unha visita a tódolos artesáns lucenses co obxectivo de brindarlles persoalmente a posibilidade de adherirse, de xeito totalmente gratuíto, á plataforma de comercio electrónico losproductosdelugo.com, abríndolle así novos camiños ó sector para difundir os seus produtos e mellorar a comercialización. Na plataforma están xa presentes 55 empresas lucenses, tamén de artesanía, como é o caso de Regal Cerámica de Viveiro. A Deputación puxo en marcha o portal de venda por Internet a través do programa Innova-TE, financiado pola UE, e cos novos fondos europeos concedidos á institución provincial potenciarase o proxecto.

Os asistentes a Artesanfroilán puideron achegarse a coñecer a plataforma de comercio electrónico, unha iniciativa marcada dende os seus inicios polo éxito. Boa proba diso é que o 66% das empresas integradas en losproductosdelugo.com xa viron incrementados os seus beneficios, grazás á posibilidade que a Rede ofrece de vender en calquera punto do globo cun horario continuo.

Gran afluencia de público

O bo tempo que predominou estes días contribuíu a que numeroso público se achegase a coñecer o traballo dos 26 artesáns participantes nesta edición da mostra e comprobara a variedade e calidade dos produtos expostos. Pezas de téxtil, cerámica, encaixe, marroquinería, flor seca, olería, vidro, zapatos, cartón pedra, serigrafía, xoiería, marquetería, cestaría, bisutería ou bonequería formaron parte da variada oferta deste ano. Nesta edición, 26 profesionais foron escollidos para poñer á venda os seus traballos de entre 75 solicitudes de artesáns procedentes de toda España, en función de criterios de calidade e variedade dos produtos.

A gran aceptación que esta feira ten entre os profesionais do sector artesán pon de manifesto o feito de que Artesanfroilán sexa unha mostra consolidada en todo o territorio español pola súa rendibilidade. Ao baixo custo que supón para os artesáns participantes, que tan só teñen que aportar 365 euros en concepto de aluguer do expositor, tres veces mais barato que calquera outra mostra celebrada en Galicia, únese o feito de que a Deputación estea firmemente comprometida co sector, financiando a mostra cun investimento que este ano chegou ós 50.000 euros. O organismo contribúe así a manter os postos de traballo que crean estas pequenas empresas.

A mostra permanecerá aberta ata mañá mércores, de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00 horas, na carpa instalada na praza Anxo Fernández Gómez, situada trala Casa do Concello lucense.